ALCALDÍA

Cinco entidades de Compostela celebran o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

03/12/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu esta mañá ao acto "Baixo un mesmo paraugas", que organizaron cinco entidades de Compostela para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Tamén asistiron a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e varios membros da Corporación, entre eles os voceiros e voceira de PP, PSOE e BNG.

A encargada de conducir o acto foi Concepción Otero, quen falou en representación das cinco entidades (Aspamite, Aspanaes, Down Compostela, Fegadace e Sarela) destacando que "decidimos organizar por primeira vez este acto en Compostela, cuxa celebración comezamos en Coruña en 2016. Agora somos 50 entidades facéndoo de forma colectiva en Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo".

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quixo parabenizar ás entidades "pola organización deste acto e por esta suma que multiplica", para engadir a continuación que "vivimos nunha cidade inclusiva que se ten construído dende a diversidade".

O acto continuou coa lectura dun manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas con discapacidade e no que persoas en representación das diferentes organizacións leron frases ou lemas mediante os cales amosaron as súas peticións, desexos e sentimentos, dando voz así aos verdadeiros protagonistas dese día. Os/as asistentes portaron paraugas de cores co obxectivo de dar unha maior visibilidade ao colectivo e a súa diversidade. Con estes paraugas, a iniciativa pretende representar unha sociedade plural e diversa, que acolle a todos por igual, sen diferenzas.

No conxunto do Estado hai preto de catro millóns de persoas con discapacidade que reclaman espazos públicos accesibles, unha escola coas mesmas oportunidades para os nenos e as nenas e un mundo laboral que os acolla, tal e como sinalaron no manifesto.

Somos capaces de crear arte
O Concello de Santiago organiza, co gallo do Día Internacional das persoas con discapacidade, un espectáculo que leva por nome Somos capaces de crear arte, producido e dirixido por Carlota Pérez. Trátase dun proxecto comunitario de inclusión social a través dar artes, unha representación teatral dinámica e moi especial co obxectivo de concienciar de que a arte é de todas e todos.

O espectáculo inclúe a presentación do disco- libro Comuna del Barruzo, de Ugía Pedreira, dirixido a nenos, nenas e adultos. A Comuna del Barruzo está protexida por 10 seres máxicos, un deles é Gargallú, impulsora da curiosidade como axudante da intelixencia e do coñecemento, e promove a inclusión das persoas que sexan diferentes.

A cita é o mércores 5 de decembro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal. A entrada é de balde ata completar aforo.

Compartir: