NADAL

Abertos a partir do sábado o Belén tradicional de San Fiz e o Mercado de Nadal

29/11/2018 Un ano máis, a igrexa de San Fiz de Solovio acollerá o tradicional Belén nestas datas, composto por máis de 200 figuras de barro e lenzo pintado -todas feitas a man- e que inclúe diferentes escenas, pezas en movemento, río con auga corrente e iluminación. Todo iso recreado en ciclos de catro minutos, nos que se simula o paso do día á noite grazas a cambios de iluminación e movemento de diversas pezas.

O nacemento ten cada ano unha nova disposición, que o fai diferente edición a edición. Ademais, este ano, por primeira vez, o Belén incorpora como novidade o efecto de lóstregos e tronos. Pola súa parte, a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago, permanece habitualmente pechada ao público, polo que a exhibición do Belén brinda unha ocasión inmellorable para visitala, xa que ademais conta cunha iluminación especial con motivo do Nadal.

O Belén de San Fiz é unha das actividades máis exitosas do programa de Nadal, e é visitado anualmente, dende o seu comezo no ano 2015, por máis de 20.000 persoas durante o mes de apertura. Foi cedido e montado por José Uzal e a actividade está organizada polo Concello coa colaboración do Arcebispado de Santiago, Mercado de Abastos e Colexio Maior de Santo Agostiño.

Poderá verse dende este sábado 1 de decembro e ata o 5 de xaneiro, de balde, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas de luns a venres, e de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas sábados, domingos, pontes, festivos e vacacións de Nadal. Haberá horario especial o 24 e o 31 de decembro, abrindo pola tarde unha hora antes, e o 25 de decembro e 1 de xaneiro con apertura unicamente pola tarde de 17:00 a 21:00 horas.

Mercado de Nadal con 90 expositores
O Mercado de Nadal abrirá as súas portas este sábado día 1 de decembro para acoller, ata o 5 de xaneiro, a 90 expositores dos sectores da alimentación, decoración para estas datas, regalos singulares e artesanía.
Nesta edición 2018/2019 os expositores veñen de toda Galicia: unha boa parte dos artesáns e artesás provén da comarca de Compostela, e tamén están representadas as bisbarras da Mariña, Barbanza, A Coruña, Lugo, O Courel, Pontevedra ou O Morrazo.

O Mercado estará aberto todos os días de 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, nos que abrirá de 11:30 a 15:00 horas. O 25 de decembro e o 1 de xaneiro permanecerá pechado.

O oferta de produtos do Mercado renóvase cada 6 días, con 15 expositores por quenda ata completar os 90 que participan este ano. Para esta primeira quenda, entre o 1 e o 6 de decembro, haberá postos de repostería de Nadal, artesanía en madeira, bolsos e mochilas, complementos de moda, empaquetado e papelaría, xoiaría, coiro, alimentación artesá, xoguetes e adornos para o pelo, e completarase coa oferta de churros e chocolate. A meirande parte dos expositores contan coa carta de Artesanía de Galicia, que garante que os obxectos e pezas son realizados enteiramente a man e a pequena escala.

A oferta do Mercado inclúe actividades variadas e obradoiros realizados por artesáns, que se desenvolven no Espazo Creativo; e actuacións musicais e monólogos de humor. A programación completa de actividades pódese consultar na páxina web do Mercado.

Direcciones relacionadas



Compartir: