MEDIO AMBIENTE

Iniciados os traballos de acondicionamento das hortas urbanas das Hortas

26/11/2018 Esta mañá comezaron os traballos de acondicionamento das novas hortas urbanas de Campo das Hortas, para os que se prevé un prazo de mes e medio. Neste espazo haberá un total de 53 hortas, cunha extensión total de 4.112 metros cadrados. O obxectivo do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, é que os terreos empecen a ser cultivados polos seus adxudicatarios e adxudicatarias ao longo do mes de marzo.

O edil de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe do inicio dos traballos de acondicionamento das hortas urbanas de Campo das Hortas. Xan Duro mostrou a súa satisfacción porque este proxecto "por fin se faga realidade, grazas ao acordo acadado cos propietarios e propietarias dos terreos". O concelleiro lembrou que "foi en 2008 cando se falou por primeira vez da posta en uso das hortas de Hortas, nun proxecto que se dera en chamar Berzaventura, pero nunca ata agora se conseguira o acordo de cesión coa propiedade".

Máis de 4.000 metros cadrados
No Campo das Hortas vanse acondicionar un total de 53 hortas urbanas, cunha superficie media de 60 metros cadrados. En total, a extensión que se porá ao dispor da veciñanza superará os 4.100 metros cadrados. Dos traballos de preparación das hortas encárgase Ferrovial, con cargo ás partidas para a execución de melloras do seu contrato de mantemento de parques e xardíns.

O obxectivo do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia é que ao longo do mes de xaneiro se abra o prazo de inscrición para utilizar as hortas. Como acontece nas outras hortas urbanas, terán preferencia na adxudicación as persoas xubiladas ou prexubiladas do barrio. Se hai máis espazos que demanda, poderán ser adxudicatarias, por esta orde, as persoas veciñas do barrio e da contorna, e as persoas veciñas de calquera outro barrio de Santiago. A concesión faise por un prazo de dous anos, que pode ser prorrogado ata un máximo de catro anos.

Máisde 250 hortas en toda a cidade
Co acondicionamento do espazo do Campo das Hortas, Santiago contará xa con máis de 240 hortas urbanas repartidas en sete áreas. As primeiras, en 2008, foron as de Belvís de Arriba, con 30 parcelas, ás que lle seguiron dous anos despois as 26 parcelas de Belvís de Abaixo. Posteriormente, acondicionáronse as 39 hortas de Fontiñas, e en 2016 puxéronse en marcha as hortas da Almáciga, con 32 parcelas; Caramoniña, con 21; e Brañas do Sar, con 54 parcelas.

O Goberno local ten previsto acondicionar nos próximos meses outro espazo de hortas urbanas en Santa Marta, con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide. Neste caso haberá 34 parcelas a disposición da veciñanza, nunha parcela municipal situada na avenida de Torrente Ballester.

Xan Duro mostrouse moi satisfeito polo funcionamento do programa de hortas urbanas en toda a cidade. O concelleiro salientou que "ademais da recuperación do uso tradicional destes espazos, as hortas estanse convertendo nun punto de socialización nos barrios, de contacto entre a veciñanza que non adoita ter relación, e mesmo de intercambio de coñecemento entre xeracións".

Documentos relacionados



Compartir: