XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba o convenio con Fomento para a integración ambiental da rotonda de Conxo

23/11/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Fomento para o desenvolvemento do proxecto de integración ambiental da rotonda elevada de Conxo. Dáse así un importante paso para o acondicionamento deste espazo, que a veciñanza do barrio viña reclamando dende a construción do túnel de Conxo.

O acordo aprobado hoxe ten como obxectivo completar as actuacións xa executadas polo Ministerio de Fomento na SC-20, que construíu a rotonda elevada para darlle fluidez ao tráfico neste viario. O Concello viña reclamando que se cubrira o oco da glorieta, recollendo as demandas da veciñanza. A tenenta de alcalde, María Rozas, lembrou que "foron varios os ministros de Fomento, e mesmo un presidente do Goberno, os que se comprometeron verbalmente a acometer esta actuación nos últimos anos, pero ata o de agora ese compromiso non se plasmara en ningún documento". Nesa liña, a concelleira mostrouse satisfeita "co avance que supón a aprobación deste convenio, que terá que ser asinado polo Goberno Local e o Ministerio".

En virtude do convenio, o Ministerio de Fomento asumirá a execución do proxecto de integración ambiental da rotonda, cun orzamento base de licitación dalgo máis de 240.000 euros. Unha vez finalizadas e recepcionadas estas obras, o Concello de Santiago aceptará a transferencia da titularidade da rotonda e dos seus ramais. O acondicionamento superior da rotonda está vinculado ao acordo que o Goberno Local ten coa Xunta para o desenvolvemento de actuacións de mellora e integración urbana en distintos ámbitos dos camiños de Santiago nas súas entradas á cidade. No marco dese convenio, está prevista unha actuación no Camiño Portugués, que suporá a integración do ámbito máis funcional da rotonda. Ademais, o Concello poderá acometer a maiores as actuacións que considere necesarias neste ámbito.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: