PLENO

Aprobada a creación dunha comisión para estudar a xestión da auga

15/11/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe a creación dunha comisión encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais. A proposta saíu adiante cos votos a favor de Compostela Aberta e o BNG, mentres que PP e PSOE optaron pola abstención.

A proposta para a creación desta comisión para estudar a xestión da auga volveu ao Pleno de novembro, despois de que se incorporaran novos membros ao órgano en relación á proposta inicial debatida o mes pasado. Así, da comisión formarán parte o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, a concelleira de Facenda e Persoal, dous representantes do PP, un do PSOE e un do BNG; o interventor municipal, o secretario do concello, os directores das áreas de Urbanismo, Facenda e Persoal e Asesoría Xurídica; os xefes dos servizos de Contratación, Persoal e Saneamento, e o economista da Oficina Orzamentaria. Ademais, o órgano contará coa asistencia de calquera outro persoal técnico do Concello, así como do asesoramento externo que se considere necesario.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, encargado de defender a proposta, lembrou que "o servizo da auga leva 34 anos sendo xestionado pola mesma empresas, e neste tempo houbo mudanzas lexislativas, crises económicas, cambios na estrutura da cidade...". Xan Duro mostrouse convencido de que "é o momento de parar e reflexionar sobre a xestión dun servizo tan esencial como o do ciclo da auga, que ten repercusións moi directas sobre a vida da cidadanía".

Aloxamentos turísticos
Na sesión de hoxe tamén se aprobou a modificación puntual do Plan Especial da Cidade Histórica, para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial. A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, a oposición do PP, e a abstención de PSOE e BNG. Segundo explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, o obxectivo da modificación "é delimitar o uso dos inmobles da cidade histórica para garantir o uso residencial e evitar que continúe a proliferación de aloxamentos turísticos". Jorge Duarte incidiu en que "non se poden facer discriminacións para permitir os pisos turísticos que teñan a autorización da Xunta, porque o Concello estaría renunciando a aplicar unha competencia que lle é propia".

Tamén relacionado co Plan Especial, no Pleno de hoxe quedou rexeitada a proposta para solicitar o inicio de avaliación ambiental de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica e do Plan de Xestión. O PP votou en contra da iniciativa, mentres que o PSOE optou pola abstención, impedindo a maioría absoluta precisa para que o documento fora remitido á Consellería de Medio Ambiente.

Estadio Verónica Boquete
Antes do Pleno ordinario de hoxe celebrouse unha sesión extraordinaria para ratificar o acordo unánime adoptado hai uns días pola Comisión de Condecoracións, para que o Estadio Municipal de San Lázaro leve o nome de Verónica Boquete. Deste xeito Santiago homenaxea a unha das súas figuras deportivas máis importantes, unha das mellores futbolistas da historia da nosa cidade e do conxunto do Estado.

Na sesión extraordinaria tamén tomou posesión Pedro Rey Sanchiz como novo concelleiro do PP, ocupando a acta que deixara libre Teresa Gutiérrez para asumir a dirección de Augas de Galicia.

Compartir: