ALCALDÍA

O alcalde participa na III Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago

09/11/2018 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na III Asemblea Xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, celebrada na localidade navarra de Estella-Lizarra. Previamente celebrouse a reunión da xunta directiva, na que Santiago ten a única vogalía permanente.

Na Asemblea Xeral aprobouse a incorporación de novos socios e déuselle luz verde ao orzamento de 2019 da Asociación, que supera os 300.000 euros. Tamén se presentou a nova AppCamino, dispoñible xa para Android e IOs, e que ten como obxectivo axudar ás persoas que percorren o Camiño de Santiago e axudar tamén ao mantemento da ruta xacobea.

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago creouse en 2015, con 22 socios. A día de hoxe, conta xa con 83 socios, despois da incorporación definitiva na Asemblea de hoxe de Pamplona-Iruña e Valverde de la Virgen.

Compartir: