FACENDA

Santiago acolle a 5ª reunión de coordinación do programa Atlantic Social Lab

30/10/2018 O Auditorio de Galicia acolle este martes e mañá mércores a 5ª xuntanza transnacional de socios do proxecto europeo Atlantic Social Lab. Na reunión participan representantes de cinco países da Unión Europea (Francia, Portugal, Reino Unido, Irlanda e España), co obxecto de por en común os avances dos traballos realizados no marco no proxecto.

Un dos obxectivos do Atlantic Social Lab é poñer en práctica métodos de participación activa da cidadanía. Neste marco, o Concello de Santiago achega a este proxecto a súa experiencia cos orzamentos participativos Compostela Decide.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presidiu esta mañá a xuntanza e deu conta dos avances municipais neste proceso de orzamentos participativos. Para completar esta posta en coñecemento, durante a tarde está prevista a visita a dous dos proxectos realizados polo Concello de Santiago e financiados con cargo ao programa de orzamentos participativos: o parque infantil de Outeiro do Sar e o proxecto Hortaliza-te, que contempla a posta en funcionamento das hortas urbanas situadas na Almáciga.

Mañá mércores está previsto que os socios visiten a Asociación Aspas (Asociación de País de Persoas con Discapacidade Intelectual) e Coregal, unha empresa dedicada á xestión medioambiental integral co obxectivo social de crear emprego estable e de calidade para persoas con discapacidade, para o que contan co certificado de centro especial de emprego dende 1994.

O xefe de fila do proxecto é o Concello de Avilés, polo que na cita de Santiago está presente Yolanda Alonso Fernández, segunda tenente de alcalde e concelleira responsable da área de Promoción Social, Educación, Cidade Saudable e Cultura do Concello de Avilés.

Atlantic Social Lab
O proxecto Atlantic Social Lab ten como obxectivo impulsar a creación de novas solucións nos servizos de benestar social e poñer en práctica métodos de participación activa da cidadanía que contribúan ao desenvolvemento exitoso das rexións atlánticas. Santiago forma parte do programa nun grupo liderado polo concello asturiano de Avilés, no que tamén participan o Concello de Cork (Irlanda), as Universidades Glasgow Caledonian (Reino Unido) e Coimbra (Portugal), as axencias de apoio ao emprendemento social CRESS Bretagne (Francia) e Enterprise North West (Reino Unido), a Comunidade Intermunicipal do Ave (Portugal) e a Aglomeración de Pau-Pyrénées, en Francia.

O proxecto Atlantic Social Lab desenvolverase ata novembro de 2019 cun orzamento de 1,6 millóns de euros, dos que o 75% é cofinanciado pola Unión Europea. Desa cifra total, a Santiago correspóndelle un orzamento de case 170.000 euros, dos que preto de 130.000 proceden de fondos europeos.

Compartir: