MOBILIDADE

Os parquímetros de Santiago xa permiten o pago da ORA con tarxeta

29/10/2018 Os parquímetros de Compostela, xestionados pola empresa municipal Tussa, xa permiten o pago dos tíckets da ORA con tarxeta desde mediados deste mes de outubro. Unha vez solucionadas unha serie de incompatibilidades técnicas, derivadas da transición da anterior empresa xestora, o sistema está a funcionar con absoluta normalidade, e non se están a rexistrar incidencias.

O pago con tarxeta nos parquímetros tivera que quedar desactivado tras a municipalización do servizo da ORA, debido a cuestións técnicas. Despois de diferentes estudos, a mediados deste mes implementouse unha solución compatible coa tecnoloxía herdada por Tussa. A día de hoxe, o pago con tarxeta funciona con total normalidade, e sen queixas por parte dos usuarios e usuarias.

Pagar só polo tempo real aparcado
Tussa tampouco está a rexistrar incidencias en relación á aplicación para o pago da ORA desde o móbil, na que tamén se introduciron algunhas melloras. Así, desde o pasado mes de setembro a app Moviltik permite realizar pagos desde a mesma conta para dous vehículos diferentes, unha das reclamacións que viñan facendo as persoas usuarias. A nova aplicación da ORA está a ser ben valorada pola veciñanza, sobre todo porque a ferramenta "desaparcar" permite que os condutores e condutoras paguen unicamente polo tempo real de estacionamento.

A empresa municipal de transportes Tussa está a traballar para incorporar novas Apps que permitan o pago da ORA en Santiago, para aumentar as posibilidades e as opcións de globalidade dos usuarios e usuarias do servizo.

Compartir: