TURISMO

Turismo ofrece durante esta ponte visitas guiadas para coñecer a Compostela de Rosalía de Castro

29/10/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi as novas "Visitas guiadas da man de Rosalía de Castro polas rúas de Compostela", que se celebrarán do 1 ao 4 de novembro como atractivo turístico para a próxima ponte. Na rolda de prensa tamén participou a guía turística Inés Calvo, caracterizada da personaxe de Rosalía de Castro.

Turismo de Santiago organiza por primeira estas visitas pola Compostela de Rosalía de Castro co obxectivo de poñer en valor a súa figura como atractivo turístico da cidade, en tanto que aquí naceu, aquí se atopa na Alameda unha estatua icónica inaugurada o 30 de xullo de 1917, e aquí tamén repousan os seus restos, no Panteón dos Galegos Ilustres. Ademais, na súa obra son habituais as referencias a Santiago e mesmo a Catedral.

As visitas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, partirán os días 1, 2, 3 e 4 de novembro, ás 12:00 horas, do Hostal dos Reis Católicos, lugar onde foi bautizada. A participación é gratuíta e non necesita inscrición previa. Terán unha hora e media de duración, cun paseo por diferentes puntos de Santiago, que rematará no Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os seus restos, grazas a colaboración do Arcebispado de Santiago e do Museo do Pobo Galego.

O itinerario terá os seguintes puntos destacados:

O primeiro punto é o Hostal dos Reis Católicos. Rosalía de Castro naceu no Camiño Vello, onde entón eran as aforas de Santiago. Foi bautizada na capela de Hospital Real, onde recibían o sacramento os meniños expósitos da inclusa. O grupo poderá acceder ao interior do Hostal, que colabora na organización da ruta.

O segundo punto da rúa será o número 41 da rúa do Vilar, onde estaba a casa da nai de Rosalía. A continuación seguirase ata a praza do Toural, onde Rosalía viviu os seus primeiros anos en Santiago, recentemente chegada de Padrón, coa súa nai e a súa madriña.

O grupo desprazarase entón ata Santa María Salomé, onde Rosalía bautizou a Alejandra, a súa primeira filla. A seguinte parada será no número 1 da rúa da Conga, onde había unha fonda na que viviron Rosalía e Manuel Murguía no 1859, cando regresaron de Madrid xa casados.

A seguinte parada será na praza de Santo Agostiño, onde estaba o Liceo de la Juventud en 1850, ano no que Rosalía chegou a Santiago coa súa nai dende Padrón. Aquí xuntábase a mocidade daquela Galicia e facíanse tertulias literarias. Aquí Rosalía coñeceu aos irmáns Pondal, e a Manuel Murguía, o seu futuro marido.

Finalmente, a visita rematará fronte ao Panteón de Galegos Ilustres de Bonaval, onde repousan os restos de Rosalía, logo de que foran trasladados dende Padrón en 1891.

Compartir: