ALCALDÍA

Martiño Noriega participa no acto de homenaxe ao falecido director do Museo do Pobo Galego

27/10/2018 O alcalde, Martiño Noriega, participou este mediodía na homenaxe a Carlos García Martínez, fundador e director do Museo do Pobo Galego, falecido o pasado 17 de marzo.

A homenaxe póstuma a Carlos García Martínez coincide co 41 aniversario da inauguración do Museo do Pobo Galego. O acto, conducido por María Xosé Fernández, contou coas intervencións do antropólogo Francisco Calo Lourido, a arqueóloga Teresa Soeiro, a historiadora Encarna Otero, o escritor e editor Xosé Fandiño e Xusto Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo.

Na súa intervención, Martiño Noriega explicou que falaba no acto "non como alcalde, senón como amigo que fun de Carlos, un home que exercitaba o galeguismo do compromiso e o traballo polo país sen agardar nada a cambio, da bonhomía. Era unha figura de Compostela, e deixou un baleiro moi difícil de encher". Tamén recoñeceu que lle gustaría que Carlos García Martínez "puidera ver a evolución que lle agarda ao Museo, cos grandes investimentos previstos e cos plans que xa están encamiñados".

Compartir: