PATRIMONIO

O proxecto Smartiago, analizado en Tarragona na xornada Smart Heritage City

26/10/2018 Preto de 150 participantes e cinco mesas de traballo foron as cifras da primeira Xornada Internacional TGN Smart Heritage City, celebrada en Tarragona, con relatores chegados de todos os puntos do pais, e que mostraron iniciativas, propostas e realidades de cidades que usan o concepto Smart e aplícano no seu patrimonio cultural. Santiago de Compostela estivo presente co seu proxecto Smartiago, que foi explicado polo xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio, Xosé Allegue.

Este evento foi organizado polo Concello de Tarragona e contou co patrocinio do Grupo de Cidades patrimonio e do Ministerio de Cultura e Deporte. Organizouse en torno a cinco mesas redondas, nas que se trataron as seguintes cuestións: tecnoloxía, xestión e investigación do patrimonio; tempo de pasar das ideas aos proxectos concretos, a xestión intelixente das cidades Patrimonio da Humanidade; Smart Heritage: da tecnoloxía á gamificación; e diálogo sobre identidade europea e patrimonio urbano.

Na mesa "A xestión intelixente das Cidades Patrimonio da Humanidade" interviñeron en representación das 15 cidades que integran a rede: Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca e presidente do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade; Rosa Lara, arquitecta do Servizo de Proxectos da GMU e coordinadora Xestión do Conxunto Histórico de Córdoba; Javier Sellers, director do Consorcio Cáceres Ciudad Histórica; e Xosé Allegue, xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio de Santiago. Como moderadora desta mesa interveu Begoña Floria, tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Tarragona.

Tal como explicou Xosé Allegue, Smartiago é un programa que busca introducir, a través do financiamento do Goberno central, procedementos de compra pública de innovación para resolver retos de sustentabilidade no ámbito da xestión dos elementos históricos declarados Patrimonio da Humanidade.

Encontro entre cidades
Esta primeira edición en forma de xornada serviu como punto de encontro entre cidades, para compartir e coñecer ideas, experiencias e proxectos de todo o mundo que están en marcha e que serven para proxectar e difundir o patrimonio histórico, turístico e cultural, mediante a innovación, as novas tecnoloxías e a gamificación, a través, por exemplo, de aplicacións e videoxogos.

Á vez, o encontro buscou o que todos os axentes implicados compartan coñecementos na materia, identifiquen novas oportunidades e potenciar así o networking, nunha contorna innovadora e multidisciplinar.

Compartir: