POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello conmemora con Sarela o Día do Dano Cerebral Adquirido

26/10/2018 A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un acto para conmemorar o Día do Dano Cerebral Adquirido, que dende o ano 2007 se celebra cada 26 de outubro. Este día resposta a unha vella reivindicación do movemento asociativo manifestada no III Congreso do Dano Cerebral, celebrado en Pamplona en 2006, co fin de mobilizar a sociedade e implicala na prevención deste tipo de lesións.

O acto principal de celebración foi unha camiñada pola cidade vella de Santiago, organizada por Sarela e na que participaron unhas 100 persoas entre persoas con DCA, familiares, amigos/as da asociación, así como a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández. Ao remate da marcha, na praza do Obradoiro, procedeuse á lectura dun manifesto por parte de familiares e persoas afectadas por esta enfermidade. No acto participaron, ademais da edila de Políticas Sociais, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Este ano, o título do manifesto é "Persoas con DCA e súas familias: realidades invisibles" e nel ponse o foco nos problemas que as persoas con DCA se atopan unha vez saen do hospital. Como se di ao comezo do manifesto, o Dano Cerebral chega sen avisar e cambia o proxecto de vida desas persoas: "Ese momento é crítico: estas persoas, que aínda son visibles, conseguen salvar a súa vida grazas aos avances no ámbito sanitario. Salvar unha vida é un logro excepcional. Pero esta vida salvada, na maioría dos casos, abandona o hospital para ser invisible".

É por iso que o movemento asociativo reclama neste 2018 novamente implantar unha Estratexia Nacional do DCA. Esta consiste esencialmente en deseñar e implantar todas as medidas que garantan a máxima calidade de vida para cada persoa e, fundamentalmente, que se execute de forma coordinada entre todas as administracións e ámbitos asistenciais implicados (sanitario e social).

O segundo punto clave do manifesto é a reclamación, non atendida até hoxe, de crear a categoría diagnóstica "Dano Cerebral Adquirido". Esta categoría ou código, de existir como sucede noutras patoloxías, permitiría detectar dende o comezo as necesidades e criterios de rehabilitación e garantir a continuidade asistencial. Dito doutro xeito, permitiría protocolarizar os pasos a dar na atención unha vez a persoa sae do hospital e facilitaría crear un censo real de persoas con esta discapacidade.

O obxectivo do 26 de outubro pasa por chamar a atención sobre a prevención, sensibilizar á poboación sobre este tipo de lesións e facer visibles ás persoas afectadas e ás súas familias.

Outras actividades de Sarela
Hoxe Sarela tamén organizou outras actividades, como foi a instalación no Hospital Clínico, no Hospital do Barbanza e no centro de saúde da Estrada de mesas informativas. Ao longo da mañá usuarias/as dos servizos da asociación, persoas asociadas, voluntarios e profesionais deron a coñecer o Dano Cerebral Adquirido, pautas para a súa prevención, así como o labor de Sarela.

Compartir: