INNOVACIÓN

Compostela acollerá os días 30 e 31 de outubro a 5ª reunión de coordinación do Atlantic Social Lab

25/10/2018 Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 30 e 31 de outubro a 5ª xuntanza transnacional de socios do proxecto europeo Atlantic Social Lab. Á reunión acudirán arredor de 25 persoas pertencentes a cinco países da Unión Europea (Francia, Portugal, Reino Unido, Irlanda e España), co obxecto de por en común os avances dos traballos realizados no marco no proxecto.

O día 30 de outubro pola mañá terán lugar as reunións de traballo e despois visitaranse dous proxectos realizados polo Concello de Santiago e financiados con cargo ao Programa de Orzamentos Participativos: o parque infantil de Outeiro do Sar e o proxecto "Hortaliza-te, que contempla a posta en funcionamento das hortas urbanas situadas na Almáciga.

Ao día seguinte está previsto que os socios visiten a Asociación Aspas (Asociación de País de Persoas con Discapacidade Intelectual) e Coregal, unha empresa dedicada á xestión medioambiental integral co obxectivo social de crear emprego estable e de calidade para persoas con discapacidade, para o que contan co certificado de centro especial de emprego dende 1994.

O xefe de fila do proxecto é o Concello de Avilés, polo que na cita de Santiago estará Yolanda Alonso Fernández, segunda tenente de alcalde e concelleira responsable da área de Promoción Social, Educación, Cidade Saudable e Cultura do Concello de Avilés.

Direccións relacionadas



Compartir: