LINGUA

Impulso á creación da Asemblea de Entidades Locais pola Lingua

25/10/2018 O Pazo de Raxoi acolleu hoxe unha xuntanza de cargos municipais con responsabilidade na política lingüística, tanto técnicos como políticos, co obxectivo de avanzar na creación da Asociación de Entidades Locais pola Lingua co fin de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.

Unha vintena de concellos de toda Galicia estiveron presentes na reunión, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización. En concreto, participaron os municipios da Baña, A Coruña, Ames, Ferrol, Narón, Nigrán, O Grove, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Teo, Vilagarcía e Vimianzo. Trátase de concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate, se ben se incidiu na vontade de "incorporar novos entidades á asociación, sempre que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e conten no seu organigrama cunha unidade dedicada a executalas", polo que se van enviar convites a todos os concellos e deputacións para que se sume igualmente ao proxecto.

O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Na reunión analizouse un borrador dos estatutos da entidade e os distintos concellos asumiron o compromiso de seguir traballando para constituír formalmente a entidade nos vindeiros meses.

Compartir: