EDUCACIÓN E ACCIÓN CULTURAL

Case 400 escolares celebran o Día de García Lorca en Santiago coa lectura de "Seis poemas galegos"

25/10/2018 Un ateigado Teatro Principal acolleu esta mañá o acto que organizou o Concello con motivo do 25-O "Día de Lorca en Santiago", no que participaron 370 alumnos e alumnas dos centros Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Rosalía de Castro, López Ferreiro, Compañía de María e Nosa Señora dos Remedios.

No acto participaron o editor Henrique Alvarellos e os concelleiros de Educación e Cidadanía, Manuel Dios e de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Alvarellos e Novoneyra deron lectura recitada ao libro Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, os únicos versos que o poeta granadino escribiu nunha lingua que non fora o castelán, "o que amosa o amor que este escritor tiña pola nosa terra", tal e como indicou Manuel Dios. O concelleiro tamén quixo lembrar que "o Pleno do pasado mes de xullo acordou, por unanimidade, nomear a Lorca fillo adoptivo da nosa cidade".

Celebración nas escolas infantís
Os nenos e nenas da Rede de Escolas Infantís Municipais de Santiago de Compostela (EIM de Conxo, EIM das Fontiñas e EIM de Meixonfrio-Salgueiriños) quixeron sumarse tamén a esta celebración realizando varias actividades no seu honor. Para iso involucrouse ás familias das escolas animándoas a dedicar un tempo a este poeta. Para iso solicitouse a colaboración das familias, instándoas a que ao longo desta semana achegasen á escola fotos cos seus fillos e fillas pola zona vella de Santiago.

Tamén visionaron un vídeo coa poesía de Federico "Chove en Santiago" cantada polo grupo Luar na Lubre, onde se mestura a poesía con fermosas imaxes de Santiago. Ademais, as educadoras crearon un mural con este poema para que todas as familias coñeceran estes fermosos versos. Os nenos e nenas da escola reuníronse ao redor do mural e, ao tempo que escoitaron novamente a canción, pegaron as fotos que sacaron xunto coas súas familias pola zona vella da cidade.

Compartir: