ALCALDÍA

O alcalde recibe un grupo de xubilados e xubiladas de Tafalla (Navarra)

25/10/2018 O rexedor compostelán, Martiño Noriega, recibiu un grupo de xubilados e xubiladas do municipio de Tafalla (Navarra), acompañados/as polo seu alcalde, Arturo Goldaracena. No acto tamén participaron o voceiro socialista, Francisco Reyes, e o concelleiro popular Alejandro Sánchez-Brunete.

Martiño Noriega deu a benvida aos/ás integrantes da Asociación de Xubilados San Sebastián, da localidade navarra de Tafalla, á súa chegada a Santiago de Compostela. Este grupo de persoas iniciou hai anos o Camiño de Santiago, realizando cada ano unha serie de etapas.

Culminado o percorrido, o seu alcalde, Arturo Goldaracena, quixo acompañalos na súa chegada a Santiago e expresou a Martiño Noriega o seu agradecemento por telos recibido. O rexedor compostelán convidou a delegación a desfrutar da cidade, aproveitando tamén o bo clima destes días.

Non faltou o intercambio de agasallos. O alcalde de Tafalla recibiu unha ilustración e un libro sobre a historia de Santiago, mentres que o seu homólogo compostelán recolleu unha reprodución do consistorio navarro e unha publicación sobre a historia deste municipio. Ademais, Arturo Goldaracena impuxo a Martiño Noriega o tradicional pano vermello.

Compartir: