ACCIÓN CULTURAL

"Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975", nova mostra do Auditorio

24/10/2018 Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975 é o nome da nova exposición do Auditorio de Galicia que se inaugura este mércores 24 de outubro. Comisariada por Rosario Sarmiento, amosa máis de 70 obras entre pintura, debuxo e escultura ademais de documentación que as contextualiza. Obras de 13 artistas galegas, algunhas delas inéditas, procedentes de fondos privados, e que poderán ser vistas polo público por vez primeira.

O alcalde da cidade, Martiño Noriega, inaugurará a mostra ás 20:00 horas, acompañado da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a comisaria da mesma, Rosario Sarmiento; ademais de prestadores particulares ou de institucións públicas. A exposición poderá verse, con entrada libre e gratuíta, ata o 3 de febreiro do ano que vén, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

70 obras de 13 artistas galegas
O franquismo supuxo para as mulleres a anulación das conquistas que a favor da igualdade de sexos se alcanzaran durante a II República. A lei do divorcio, o recoñecemento do matrimonio civil, o dereito ao voto feminino, foron logros conseguidos co esforzo de moitas mulleres no afán de modernizar a sociedade española. A chegada do franquismo cernou esas conquistas, impoñendo un novo modelo de sociedade, patriarcal e androcéntrica, onde as relacións entre homes e mulleres, os límites entre quen ocupaba o espazo público e o privado quedarán claramente establecidos. Os homes protagonizarán a esfera pública: o traballo remunerado, a política, a economía, a xustiza…, mentres que as mulleres "reinarán" na esfera privada: os labores domésticos, o coidado dos fillos ou dos maiores.

A muller e a súa condición prioritaria de nai e esposa, que se mantivo practicamente durante toda a ditadura franquista, será un dos alicerces básicos da vida española. Só durante o desarrollismo dos anos sesenta, cando a ditadura as considerou necesarias para o crecemento económico, se lles abriron as portas do mundo laboral, aínda que en condicións de desigualdade, moito máis desfavorables que as do home.

Neste escenario onde a muller, sobre todo nas primeiras décadas de posguerra, queda practicamente relegada da esfera pública, poucas posibilidades existían de poder desenvolver unha carreira como creadora plástica. Os prexuízos sociais ou as dificultades para acceder a unha formación académica fan moi difícil practicar unha profesión só entendida se respondía ás demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, á esfera da docencia onde moitas mulleres creadoras centraron o seu talento.

En Galicia, desenvolver unha carreira profesional como artista durante o franquismo supuxo enfrontarse ás mesmas ou se cabe maiores dificultades, vivir e traballar nunha periferia, que no caso das creadoras mulleres non só foi xeográfica. Iso provocou que as que buscaban sobre todo unha formación ou un status profesional tivesen que marchar. Madrid foi na maioría dos casos o refuxio do exilio interior para moitas delas. As que quedaron estiveron abocadas, na súa gran maioría, a unha proxección profesional bastante mediatizada polos estereotipos e prexuízos dunha sociedade que antepoñía a súa condición de mulleres ás achegas e interese da súa obra.

A exposición Territorios de intimidade trata non só de seguir poñendo en valor as creadoras galegas que traballaron durante os anos do franquismo, senón achegar novas perspectivas temáticas dende as que analizar as súas obras. Todas elas romperon os estereotipos temáticos tradicionalmente asociados ás artistas mulleres neses anos, mais tamén innovaron e penetraron en temáticas como a fantasía, o compromiso social ou o relato da súa contorna máis próxima. Profundar nesa contorna, no máis próximo, no circundante transcribir os obxectos, o silencio que rodea unha intimidade na que sentirse máis recollida e segura fronte ao exterior e á vida é o que retratan algunhas delas.

Investigar as súas traxectorias, contextualizar o desenvolvemento do seu traballo, segue sendo un capítulo pendente dunha historiografía aínda remisa a ampliar os seus límites cando se trata de artistas mulleres.

- Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932).
- Carmen Corredoyra (A Coruña, 1893-1970).
- María Antonia Dans (Oza dos Rios, A Coruña 1922-Madrid, 1988).
- Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963).
- Elena Fernández-Gago (A Coruña, 1940-2011).
- Mª Victoria de la Fuente (Vigo, Pontevedra, 1927-Madrid, 2009).
- Gloria de Llano (A Coruña, 1915-1999).
- Rosina Llamas Fole (A Coruña, 1941-1977).
- Fina Mantiñán (A Coruña, 1932).
- Julia Minguillón (Lugo 1906-Madrid, 1965).
- Beatriz Rey (A Coruña, 1939).
- Mercedes Ruibal (San Andrés de Xeve, Pontevedra, 1928-Vigo, Pontevedra, 2003).
- Concha Vázquez (Santiago de Compostela, 1906-1971).

Compartir: