CENTROS CÍVICOS

Volven os "12 doces do outono" aos centros cívicos

23/10/2018 A Rede de Centros Cívicos pon en marcha, por cuarto ano consecutivo, o programa 12 doces do outono. Trátase dunha aposta pola programación familiar, que xunta os espectaculos de artes escénicas coa gastronomía propia da estación. Como ven sendo habitual, as actividades desenvolveranse os domingos, en horario de mañá e tarde.

A concelleira de Centros Cívicos presentou hoxe o programa, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Xaime López, de Xescultura; e Sabela Rey, integrante do grupo infantil Martiña Soñadora. Concha Fernández salientou que 12 doces do outono é un programa xa consolidado, co que "reabrimos os centros para a cidadanía nas xornadas de domingo". Segundo explicou, nestas catro edicións, "esta actividade animou os veciños e veciñas a coñecer mellor os locais dos seus barrios, pero tamén os doutros puntos de Compostela e, con eles, outros barrios ou parroquias".

Doce espectáculos en doce espazos
O programa desenvolverase os domingos 28 de outubro e 4, 11e 18 de novembro en 12 centros cívicos de Compostela. Será, en concreto, nos centros do Castiñeiriño, Fontiñas, Amio, Santa Marta, Conxo, Vite, e O Ensanche, que xa participaron nas actividades en anteriores edicións; e en Pontepedriña, Bando, Figueiras, Enfesta e Aríns, onde será a primeira vez que chegue a proposta. Cada domingo, 12 doces do outono chegará a un centro en horario de mañá, ás 12:30 horas, e a outros dous en horario de tarde, ás 18:00 horas. A entrada será sempre de balde, ata completar aforo.

A primeira xornada dos 12 doces de outono, o 28 outubro, abrirarase no Centro Cívico do Castiñeiriño con Teatro de Marionetas Trécola. Pola tarde, Caramuxo Teatro estará nas Fontiñas, e Micromina no local de Amio. Xa o 4 de novembro, o espectáculo da mañá será no Centro Cívico de Santa Marta, con Tanxarina; mentres que pola tarde poderemos desfrutar de Teatro dos Ghazafellos no local de Conxo, e de Caxoto, en Aríns.

Para o 11 de novembro está programado o concerto de Martiña Soñadora no Centro Cívico de Vite pola mañá, mentres que Celtia Figueiras estará pola tarde en Bando ao mesmo tempo que Teatro ao Cubo actúa no local de Figueiras. Por último, o domingo 18 de novembro, o Centro Cívico do Ensanche acollerá a Fantasía musical de María e Jorge pola mañá; e Bea Campos e N+1 estarán pola tarde na parroquia de Enfesta e na Pontepedriña, respectivamente.

Os espectáculos elixidos para o programa están pensados para o público infantil, pero atenden a diferentes disciplinas como os monicreques, o circo, a música ou a narración oral. Dúas das propostas están dirixidas a bebés: Zapatos, de Caramuxo Teatro, e Nube nube sol, de Teatro ao Cubo.

Gastronomía de outono
O programa 12 doces do outono complétase coas degustacións de produtos propios desta época do ano, como marmelo, castañas, cabazas… Os doces poden ser elaborados nos propios centros cívicos no marco de obradoiros de cociña, ou ser achegados polos propios veciños e veciñas dende as súas casas. O obxectivo é poñer en valor os produtos do outono, ao tempo que se xera unha maior interrelación entre as persoas que participan nas actividades, fundamentalmente entre os nenos e nenas.

Documentos relacionados



Compartir: