MEDIO AMBIENTE

Expertos e expertas de dez países participarán esta semana en Santiago no IV Seminario Resclima

22/10/2018 O Auditorio de Galicia acollerá os días 26 e 27 de outubro o IV Seminario Internacional Resclima e o II Encontro da REAJA. Trátase dun foro organizado polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago e pola Rede Internacional de Pesquisadores em Educaçao Ambiental e Justiça Climática (REAJA), que conta coa colaboración do Concello de Santiago.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe o IV Seminario Internacional Resclima, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o presidente do Comité Organizador, Pablo Meira Cartea; a secretaria, Lucía Iglesias da Cunha; e o vogal Kylyan Marc Bisquert i Pérez. Xan Duro explicou que este congreso "reflexionará sobre a importancia de que o cambio climático sexa introducido como materia a tratar no sistema educativo, sobre todo no ensino secundario, para que os e as adolescentes sexan conscientes da complexidade do problema e da necesidade de introducir cambios nos hábitos de vida para transitar cara un mundo máis sostible". O edil lembrou que "o cambio climático é o gran reto deste século, e precisa unha resposta urxente que non se está a dar por parte de ningunha administración pública nin da sociedade no seu conxunto".

Nesa liña, o presidente do Comité Organizador do Seminario incidiu en que "o vínculo entre xustiza climática e educación ambiental é fundamental. Falamos de educación cívica, porque máis que un cambio tecnolóxico necesitamos un cambio social profundo para descarbonizar a nosa sociedade". Pablo Meira lembrou que Resclima "acrónimo de Respostas Educativas e Sociais ao Cambio Climático, é un proxecto do SEPA que se foi internacionalizando e que ten como obxectivo desenvolver o coñecemento pedagóxico e sociopedagóxico para abordar a crise do cambio climático e lograr chegar ao final deste século cun aumento de só 1,5 graos na temperatura do Planeta"

Expertos de dez países
O IV Seminario Internacional Resclima celebrarase os días 26 e 27 de outubro no Auditorio. A conferencia inaugural correrá a cargo da profesora da Universidad Veracruzana de México, Laura Odila Bello Benavides, e do asesor pedagóxico do Servizo de Educación Ambiental do Goberno Vasco, José Manuel Gutiérrez Bastida. Ambos falarán do cambio climático como reto para o sistema educativo.

Despois diso, e ao longo das dúas xornadas do Seminario, haberá diferentes sesións de comunicacións breves en torno a catro eixos temáticos: educación para o cambio climático no sistema educativo; comunicación do cambio climático e cidadanía; educación nas políticas de cambio climático; e educación para o cambio climático e xustiza ambiental. Nos diferentes relatorios participarán expertos de diferentes universidades do Estado como a Complutense de Madrid, a de Granada, a de Valencia ou a de Málaga; así como doutros lugares do mundo como México, Brasil ou Canadá.

Están previstas ademais dúas conferencias plenarias, unha delas a cargo de Marilia Andrade Torales Campos, da Universidade Federal do Paraná (Brail) sobre "Educación ambiental e cambio climático: a autonomía do profesorado para (re)pensar o curriculum da escola"; e outra con Jesús de la Osa Tomás, do Concello de Zaragoza, sobre "Saúde, cambio climático e educación". A conferencia de clausura correrá a cargo de Edgar Javier González Gaudiano, da Universidad Veracruzana de México, baixo o título "A educación como clave social para reducir a vulnerabilidade diante do cambio climático".

Compartir: