CENTROS CÍVICOS

As Xornadas Micolóxicas de Conxo chegan á súa X edición

18/10/2018 O Centro Cívico de Conxo acolle os días 19 e 20 de outubro a décima edición das súas Xornadas Micolóxicas, organizadas en colaboración coa Asociación Micolóxico-Naturista Pan de Raposo. O obxectivo desta iniciativa é achegar a veciñanza ao mundo dos fungos, sobre o que en Galicia houbo tradicionalmente unha visión negativa.

As X Xornadas Micolóxicas de Conxo arrincaran este venres, 19 de outubro, coa conferencia inaugural a cargo do presidente da Asociación Micolóxica Pan de Raposo. José Manuel Castro Marcote, titulado en Química e Farmacia, vén impartindo formación sobre a micoloxía en todo o Estado, e ten publicados varios títulos de referencia sobre os cogomelos en Galicia. A charla será ás 20:30 horas no centro cívico.

Xa o sábado, esa previsto un roteiro micolóxico por Conxo, con saída ás 10:20 horas. A iniciativa estará dirixida por José María Costa Lago, promotor das Xornadas Micolóxicas e especialista en etnomicoloxía. Os participantes percorrerán diferentes sendeiros para identificar e coñecer distintas especies de cogomelos que posteriormente serán expostos e estudados. Para participar na saída é necesario inscrición previa, no propio Centro Cívico de Conxo.

As xornadas rematarán o sábado coa exposición dos exemplares recollidos, a partir das 17:00 horas. Ás 18:00 horas, José María Costa Lago pronunciará a conferencia de clausura, co título "Cogomelos da madeira".

Compartir: