PLENO

A Corporación aproba o regulamento do Consello Municipal de Accesibilidade

18/10/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe o regulamento do Consello Municipal de Accesibilidade. Foi cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, mentres que o PP optou pola abstención.

O Consello Municipal de Accesibilidade é un órgano colexiado de participación de carácter consultivo non vinculante, que ten como obxectivo servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no desenvolvemento da política de accesibilidade do Concello de Santiago. No Consello estarán representados todos os grupos municipais e do Consello de Relacións Veciñais, así como as entidades vinculadas ás discapacidades sensoriais, psíquicas e cognitivas, e físicas, así como das enfermidades mentais. Tamén participarán no órgano os Colexios Profesionais de Arquitectos, Aparelladores, Psicólogos e Informáticos, así como as outras administracións con competencias na materia. O Pleno do Consello Municipal de Accesibilidade reunirase cando menos unha vez cada tres meses.

Casa da Lusofonía
Na sesión desta tarde tamén se aprobou unha declaración institucional pola que a Corporación manifesta de forma unánime a dispoñibilidade para que Santiago sexa a sede da futura Casa da Lusofonía, integrada na rede de "Casas" impulsadas polo Ministerio de Asuntos Exteriores como ferramenta de diplomacia pública orientada á cooperación e o diálogo intercultural.

O conxunto dos grupos municipais entenden que "a Casa da Lusofonía sería un instrumento útil e axeitado para vincular ao Estado Español co mundo lusófono aproveitando o vínculo lingüístico galego" e que a súa localización en Compostela sería idónea tendo en conta que a cidade é a sede das institucións galegas e a capital de Galicia. A intención da Corporación municipal é implicar nesta proposta á Universidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Eixo Atlántico, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP- AECT), a Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), o Instituto Camões, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e o Instituto Galego de Análise e Desenvolvemento Internacional (IGADI).

Comisión da auga
No Pleno de hoxe debateuse unha proposición do Goberno para a creación dunha comisión que estudara a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración das augas residuais. A proposta contou cos votos en contra dos grupos da oposición, que argumentaron non estar de acordo coa composición do órgano prevista no documento. O alcalde, Martiño Noriega, rexeitou retirar o punto da orde do día, e lembrou que "a oposición puido ter presentado emendas para mudar a composición do órgano ou solicitar a retirada do punto na xunta de voceiros celebrada este mediodía, como fixo con outros asuntos da sesión de hoxe". Tamén adiantou que o Goberno volverá levar ao Pleno a proposta da creación da comisión, que ten como obxectivo "acreditar a forma de xestión máis eficiente e sostible, tendo en conta que en maio de 2019 remata a concesión do servizo integral de xestión da auga encomendado a Viaqua".

Outros acordos
Os catro grupos municipais si votaron de xeito unánime a proposición do PSOE para que Santiago postule a súa candidatura como "Cidade creativa do cinema" da UNESCO, e tamén a designación do xoves da Ascensión e do Día de San Roque como festivos locais para 2019.

Tamén saíu adiante por unanimidade a moción do BNG para mellorar a iluminación e acondicionar determinados puntos do Campus Sur, de cara a garantir a seguridade das mulleres fronte ás posibles situacións de acoso. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, avanzou que xa está prevista unha reunión cos responsables da Universidade de Santiago para analizar as posibles melloras.

Cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP, tamén quedaron aprobadas dúas mocións do BNG que viñeron precedidas pola intervención de dúas persoas ao comezo do Pleno. A primeira delas ten como obxectivo reclamarlle á Xunta que atenda as necesidades de profesorado do CEIP de Roxos. En nome da comunidade educativa, na sesión participou Esther Martínez Piñeiro, que lamentou que "o alumnado do colexio de Roxos non poida gozar da educación pública de calidade que deben defender as administracións". Na outra moción, a Corporación mostrou o seu apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás. No Pleno interveu Néstor Rego, que incidiu en que "Santiago debera ter unha especial sensibilidade coa causa porque o seu alcalde nacionalista e republicano, Ánxel Casal, foi asasinado polo franquismo e tamén porque a familia Franco expoliou parte do seu patrimonio, como as dúas estatuas do Mestre Mateo". Segundo dixo, "os 19 de Meirás piden solidariedade por razóns políticas e non persoais, porque isto ten que ver coa defensa da democracia, das liberdades e dos dereitos individuais e colectivos".

Compartir: