CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves un concerto homenaxe ao compositor José Arriola

17/10/2018 A Real Filharmonía de Galicia está a realizar unha xira de concertos polas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo en homenaxe ao compositor José Arriola, coñecido como o "Mozart galego". Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, arrancaba a semana pasada en Ferrol. Hoxe mércores a cita será no Círculo das Artes de Lugo, a partir das 20:00 horas. A xira continuará no compostelán Auditorio de Galicia mañá xoves, día 18 (20:30 horas), e rematará o venres 19 no Teatro Afundación de Vigo (20:30 horas). O mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG, é o encargado de levar a batuta nestes catro concertos.

Antes da celebración do concerto de mañá xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co compositor galego Joam Trillo, o responsable de editar as partituras inéditas de Arriola. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

"A revelación"
Baixo o título "A revelación", os concertos comezarán co Preludio do acto I de Guntram, a primeira ópera de Richard Strauss (1864-1949), que foi mestre de Composición de Arriola en Leipzig. Ambientada na Alemaña medieval, relata unha historia de amor triangular entre o trobador Guntram, o malvado duque Robert e a súa esposa Freihild.

De seguido, os músicos tocarán varias obras ata o de agora inéditas do betanceiro José Arriola (1895-1954), que están recollidas no último disco da RFG: José Arriola. Orquestral Music, gravado nun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega, que en breve sairá á luz. Trátase de tres das Seis poesías de Antonio Machado e un dos Tres textos cervantinos. Para a interpretación destas pezas contarase coa participación do barítono coruñés Javier Franco, formado na Escuela Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona, con mestres do talle de Alfredo Kraus. A súa presenza é habitual en teatros de toda España, Italia e Portugal, colaborando cos mellores directores de orquestra.

Na segunda parte dos concertos o público poderá escoitar Una aventura de Don Quijote, do compositor vasco Jesús Guridi (1886-1961), coetáneo de Arriola. É un poema sinfónico inspirado nos capítulos VIII e IX da novela Don Quijote de la Mancha, de Cervantes.

Estas citas musicais concluirán cunha selección da obra Intermezzo, de Richard Strauss.

Compartir: