ALCALDÍA

O alcalde participa na presentación de "As San Lucas" de Mondoñedo

16/10/2018 O alcalde participou hoxe na presentación das Feiras e Festas de As San Lucas de Mondoñedo, celebrada na Praza de Abastos. Martiño Noriega acompañou á rexedora mindoniense, Elena Candia, e ao presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, que remataron en Compostela a ronda de presentacións que veñen facendo das celebracións nas sete cidades do Antigo Reino de Galicia. Martiño Noriega salientou que "as de Mondoñedo son as festas máis antigas do país, e iso débese sobre todo ao compromiso da xente que as fai posibles e as desfruta".

As San Lucas celebraranse do mércores 17 ao domingo 21 de outubro, e o pregón correrá a cargo do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Entre as actividades, o presidente da Asociación organizadora destacou "o protagonismo do cabalo nas celebracións", cun novidoso espectáculo de doma nocturna, coa tradicional chegada dos cabalos polas rúas empedradas de Mondoñedo ata a feira; e cos concursos de andadura, morfolóxico ou trote. No eido musical, haberá actuacións de diferentes grupos e orquestras. O broche de ouro porao o concerto de Carlos Núñez no interior da Catedral de Mondoñedo o domingo 21.

Compartir: