CENTROS CÍVICOS

Os centros cívicos de Santa Marta, Sar e Nemenzo acollen de novo os "Espazos das Familias" tras o éxito da anterior edición

15/10/2018 Ata o próximo día 18 está aberto o prazo de inscrición para participar nos "Espazos das Familias", unha proposta da rede de Centros Cívicos dirixida a nenos e nenas de 0 a 6 anos. A concelleira Concha Fernández presentou hoxe esta actividade, "que se volve programar despois do éxito conseguido o ano pasado con esta proposta". A actividade desenvolverase nos centros de Santa Marta, Sar e Nemenzo.

A concelleira de Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe a actividade "Espazos das Familias", que se vai desenvolver por segundo curso en tres centros de Compostela. A actividade estará xestionada pola Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, "unha entidade que ten o aval da súa experiencia no programa Preescolar na Casa". A entidade estivo representada na rolda de prensa pola súa presidenta, Luisa Rey, e por unha das monitoras, Cristina Feijóo.

Concha Fernández apuntou que "os Espazos das Familias pretenden ser unha actividade para nais e pais, co obxectivo de que reforcen as súas competencias, resolvan as moitas dúbidas que xorden na educación dos fillos e fillas, e compartan con eles un tempo de lecer e formación". Concha Fernández sinalou que o programa, que terá como lingua vehicular o galego, "quere favorecer tamén a conciliación da vida familiar e laboral e promover a igualdade de oportunidades entre a veciñanza de diferentes ámbitos de Compostela, e de aquí que as sesións se vaian desenvolver tamén nunha parroquia do rural".

Nesta nova edición, os "Espazos das Familias" repetirán escenario. Serán no centro cívico de Santa Marta, os mércores de 11.30 a 13.30; no centro cívico de Sar, os xoves de 16.00 a 18.00; e en Nemenzo, os mércores de 17.00 a 19.00 horas.

No programa abordaranse cuestións como os xogos e os xoguetes e influencia que ten a publicidade no tempo de lecer das familias; a importancia dos límites e das normas na educación; a xestión das rabechas, ou a alimentación infantil. Os "Espazos das Familias" incorporan tamén actividades concretas relacionadas con festas como o Nadal ou o Entroido, e tamén con datas sinaladas como o Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, que da pé a abordar coas nais e pais cuestións relacionadas coa igualdade de xénero. Ademais, celebrarase unha festa de convivencia entre as familias que participan na actividade nos tres centros.

No curso pasado, nas sesións participaron un total de 29 familias. O grupo máis numeroso foi o de Sar, con 15 familias participantes.

Compartir: