EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os centros escolares profundizarán na figura de Federico García Lorca cunha unidade didáctica

11/10/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou hoxe unha nova unidade didáctica elaborada polo Concello co gallo do 25 de outubro, día no que Federico García Lorca chegou a Compostela. Na rolda estivo acompañado polo autor dos textos da unidade e editor, Henrique Alvarellos.

Con esta publicación búscase que os centros escolares da cidade (profesorado e alumnado) teñan material para profundizar na figura de García Lorca, que sendo estudante descubriu Galicia con 18 anos. Lorca e o seu grupo chegaron á estación de Cornes procedentes de Redondela o 25 de outubro de 1916, onde escoitaran por primeira vez o cantar popular en galego "Campanas de Bastavales", que inspiraría con posterioridade a Rosalía de Castro. Esa viaxe, segundo explicou Henrique Alvarellos, "fixo que comezara unha historia de amor co noso país, que culminou 20 anos despois coa publicación de "Seis poemas galegos", o único libro que escribiu nunha lingua que non era a súa propia".

Na unidade didáctica tamén se recollen fragmentos dos distintos poemas que Lorca lle dedicou a Galicia en xeral e a Compostela, en particular como "Santiago, balada ingenua" ou "Salutación elegíaca a Rosalía de Castro", poeta galega que serviu de inspiración para Lorca.

Fillo adoptivo
Aínda que é andaluz de nacemento, a vinculación de Federico García Lorca coa cidade de Compostela fíxolle merecedor do recoñecemento como fillo adoptivo. Así o acordou o Pleno da corporación no pasado mes de xullo, coincidindo coa conmemoración do 120 aniversario do seu nacemento e os 100 anos dende que se publicou o seu primeiro e único libro en prosa "Impresiones y paisajes".

Documentos relacionados



Compartir: