CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia inicia unha xira de concertos por Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo en homenaxe ao compositor José Arriola, coñecido como o "Mozart galego"

08/10/2018 Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, arranca este xoves, 11 de outubro, cun concerto no Auditorio de Ferrol, ás 20:30 h. A vindeira semana a xira continuará no Círculo das Artes de Lugo (día 17, 20 h); no compostelán Auditorio de Galicia (18, 20:30 h); e rematará no Teatro Afundación de Vigo o día 19, cun concerto que tamén comezará ás 20:30 h. O mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG, será o encargado de levar a batuta nestes catro concertos.

Baixo o título "A revelación", os concertos comezarán co Preludio do acto I de Guntram, a primeira ópera de Richard Strauss (1864-1949), que foi mestre de Composición de Arriola en Leipzig. Ambientada na Alemaña medieval, relata unha historia de amor triangular entre o trobador Guntram, o malvado duque Robert e a súa esposa Freihild.

De seguido os músicos tocarán varias obras ata o de agora inéditas do betanceiro José Arriola (1895-1954), que están recollidas no último disco da RFG: José Arriola. Orquestral Music, gravado nun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega, que en breve sairá á luz. Trátase de tres das Seis poesías de Antonio Machado e un dos Tres textos cervantinos. Para a interpretación destas pezas contarase coa participación do barítono coruñés Javier Franco, formado na Escuela Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona, con mestres do talle de Alfredo Kraus. A súa presenza é habitual en teatros de toda España, Italia e Portugal, colaborando cos mellores directores de orquestra.

Na segunda parte dos concertos o público poderá escoitar Una aventura de Don Quijote, do compositor vasco Jesús Guridi (1886-1961), coetáneo de Arriola. É un poema sinfónico inspirado nos capítulos VIII e IX da novela Don Quijote de la Mancha de Cervantes.

Estas citas musicais concluirán cunha selección da obra Intermezzo de Richard Strauss.

Compartir: