POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela acolle o 16 e 17 de novembro as I xornadas de audición, linguaxe e comunicación

08/10/2018 A edila de Políticas Sociais, Diversidades, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernádez, presentou hoxe as xornadas que a Asociación Galega de Mestres e Mestras de Audición e Linguaxe (AGMAL) veñen de organizar para os días 16 e 17 de novembro. Na rolda estiveron Antonio Alonso, tesoureiro da entidade e Eugenio José Fontal, delegado na Coruña de AGMAL.

A concelleira agradeceu a entidade "que teñan elixido a nosa cidade como lugar de celebración destas primeiras xornadas, que contan ademais con ponentes de gran prestixio no eido da educación especial, en particular da Audición e Linguaxe". Nesa liña, Concha Fernández reivindicou a "importancia da educación inclusiva, de darlles aos nenos e nenas con capacidades diversas unha educación de calidade e por iso cómpre reivindicar máis profesorado de Audición e Linguaxe e tamén de Pedagoxía Terapéutica".

Ponentes
As xornadas contarán coa participación de ponentes de primeiro nivel no eido da Audición e Linguaxe. Santos Borregón é pedagogo e logopeda no Centro de Atención Temperá e de Atención a Persoas con Discapacidade en Segovia, dende hai máis de 30 anos. Impartirá unha charla sobre "Os trastornos da articulación: da exploración ao tratamento, un novo enfoque".

Fátima García Doval é mestra especialista en pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e orientadora. Doutora en didáctica e innovación, é tamén investigadora en comunicación e accesibilidade baseada en dispositivos móbiles. Codirixe o proxecto ACCEGAL, que desenvolve aplicacións de comunicación e accesibilidade para dispositivos móbiles. Dará a charla "A comunicación aumentativa e alternativa na era dixital: posibilidades e retos".

As xornadas contarán tamén co psicólogo e doutor en Ciencias da Educación Gerardo Aguado, que leva dende 1970 investigando os problemas no proceso de adquisición da linguaxe. Ofrecerá ás persoas participantes unha charla sobre "Que é e como mellorar a comprensión da linguaxe".
A mestra de audición e linguaxe, logopeda e especialista en dificultades da aprendizaxe, Carmen Silva, dará unha conferencia que leva por nome "A dislexia desde unha perspectiva neuropsicolóxica". É experta en detección e intervención da dislexia e, en xeral, en dificultades relacionadas coa lectoescritura.

Raquel Escobar Díaz é logopeda e lingüísta, ademais de autora de artigos e investigacións sobre a tartamudez infantil e adulta e directora do comité de expertos da Fundación Española da Tartamudez. A charla que impartirá leva por título "Construíndo un novo enfoque en Tartamudez: dos mitos, pálpitos e impresións ás evidencias, investigación e rigor".

Finalmente, o sábado tamén haberá unha ponencia a cargo da Federación de "Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG)" que ofrecerán algo de luz sobre a mellor inclusión do alumnado xordo na aula.

A inscrición continúa aberta ata o 15 de outubro con prezo reducido de 60 euros para persoas socias e 120 para non socias, e ata o 6 de novembro con prezo de 155 euros para non socios.

AGMAL
A Asociación Galega de Mestres de Audición e Linguaxe AGMAL) é unha asociación sen ánimo de lucro que nace no 2017 co fin de apoiar a figura do Mestre de Audición e Linguaxe. A asociación organiza formacións e reunións con distintos profesionais do campo da educación e están ao día nos avances e investigacións no campo da audición e linguaxe.

Documentos relacionados



Compartir: