XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras do aparcamento disuasorio da Sionlla

05/10/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras do aparcamento provisional disuasorio da Sionlla. A actuación correrá a cargo da empresa Eulogio Viñal, e suporá un investimento dalgo máis de 350.000 euros, achegados de fondos privados.

As obras do aparcamento da Sionlla xa foran adxudicadas hai xusto un ano, pero a empresa contratada renunciou finalmente a executala. As súas alegacións, que se baseaban en que a marxe de beneficios dos traballos era escasa, foron rexeitadas polo Goberno Local. O caso chegou ao Consello Consultivo de Galicia, que ven de emitir un informe para autorizar que o Concello continuara coa nova licitación do proxecto. O estacionamento terá máis de 230 prazas, e contará a maiores cunha zona para depósito municipal de vehículos cunha superficie de 3.000 metros cadrados.

Contrato de mantemento
Hoxe tamén quedou adxudicado definitivamente o contrato da campaña complementaria de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios municipais, excluído o recinto intramuros. Nos traballos investiranse 121.000 euros, e correrán a cargo de Oviga. O alcalde lembrou que "este é o contrato temporal, que permitirá continuar cos traballos de mantemento ata que se resolva a licitación que está en marcha". Esta adxudicación súmase á aprobada na Xunta de Goberno da semana pasada, dun contrato complementario para os traballos de roza, ao que tamén se destinarán 121.000 euros.

Convenios
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e Ecoembes, para a mellora da recollida selectiva de envases lixeiros. En virtude do acordo, a empresa entregará novos contedores amarelos, por un importe total de case 11.500 euros. Tamén se aprobou a firma dun acordo con Hostelería Compostela, enmarcado no programa europeo Atlantic Social Lab e que ten como obxectivo que os establecementos de hostalería colaboren na promoción do proceso dos Orzamentos Participativos Compostela Decide.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: