ACCIÓN CULTURAL

Arranca o novo curso da escola de música de aCentral Folque

03/10/2018 A escola de música de aCentral Folque iniciará o 19 de outubro o novo curso, con aulas individuais e colectivas e cunha nova edición do Curso Maxistral especializado en músicas populares. A nova tempada arrancará cun concerto no Auditorio de Galicia, o próximo venres 6 de outubro. A tenenta de alcalde, María Rozas, presentou as actividades, nunha rolda de prensa na que participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e os coordinadores da Escola, Alba María e Mauro Sanín.

A tenenta de alcalde aproveitou a presentación do curso para "agradecer o compromiso de aCentral Folque coa nosa cultura, porque a música é un elemento patrimonial que nos identifica como pobo". Tamén salientou a capacidade da escola "para darlle un enfoque contemporáneo á música de raíz e para profesionalizar o ensino de instrumentos populares como a gaita ou a sanfona"

Mauro Sanín lembrou que "aCentral Folque está a celebrar o seu 18 aniversario, e os 10 anos da súa chegada a Compostela". Segundo explicou, a programación "seguirá na liña dos últimos anos, apostando polo ensino individualizado e polo contacto directo entre o alumnado e os mestres e mestras". Nas aulas individuais impartiránse as especialidades de sanfona, violino, canto, frautas, percusión e gaita.Tamén continuarán as aulas colectivas "en disciplinas que teñen máis sentido en grupo, como o de baile". As aulas serán impartidas nos centros cívicos de Compostela, e o prazo de matrícula aínda está aberto.

Tamén segue aberta a inscrición no Curso Maxistral especializado en músicas populares. Neste caso, segundo recordou Mauro Sanín, a actividade "está dirixida a persoas xa iniciadas na música que queiran afondar nas formas tradicionais galegas". O curso maxistral terá unha duración de case oito meses, con catro horas semanais de clases, tanto teóricas como prácticas. Ao remate, os participantes poderán gravar nun estudo profesional "seguindo a estela dos traballos xa editados, EMPA01 e EMPA02".

Toda a información sobre as aulas individuais e colectivas pode atoparse na web de aCentral Folque folque.com

Concerto no Auditorio
O concerto de presentación do novo curso de aCentralFolque será o próximo venres, a partirdas 21.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Alba María explicou que será un recital "que mostrará a filosofía da escola, baseada na relación entre alumnado e profesorado, e na integración do centro na vida dos barrios de Compostela".

No concerto participarán persoas que nos últimos anos teñen pasado por aCentral Folque, como Paulina Ceremuzynska, Javier María López, Óscar Fernández, Sergio de la Ossa, Serxio Cobos ou María Blanco. Tamén participará o saxofonista Pablo Castaño, que vén de editar con aCentral Folque o seu primeiro disco como líder da banda Pablo Castaño Quartet, centrado no canto libre de tradición oral galego por excelencia: o alalá. Estará acompañado do guitarrista Mauricio Caruso e dunha das alumnas de canto da escola, Alba Costa. A entrada para o concerto será libre.

Direcciones relacionadas



Compartir: