CONVIVENCIA

Empezan a funcionar as pulseiras do Colecamiños con máis de 80 nenos e nenas inscritos

02/10/2018 Os nenos e nenas que participan no programa de Camiños Escolares Seguros Colecamiños recibirán cadansúa pulseira que avisará ás súas familias da súa chegada aos centros escolares. O novo dispositivo tamén permitirá acumular puntos para canxealos despois por diferentes premios nos establecementos comerciais colaboradores. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta do inicio desta nova fase do programa Colecamiños, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Diana Parente, responsable do departamento de Educación Viaria da Policía Local.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que este sistema "permite premiar aos nenos e nenas polas súas prácticas de mobilidade sostible, ao tempo que mantén informadas ás nais e pais da chegada dos seus fillos e fillas ao colexio, unha das súas demandas para participar no programa".

Os nenos e nenas que o desexen deberán inscribirse na web colecaminos.santiagodecompostela.gal, e recibirán as pulseiras nos seus centros escolares. Na entrada dos colexios haberá un punto de control polo que o alumnado deberá pasar para que o sistema informe automaticamente ás familias da súa chegada ao centro. Ao mesmo tempo, os nenos e nenas irán acumulando puntos, "Olliños", nas súas pulseiras, que canxearán por agasallos dos comercios colaboradores. Recibirán un "Olliño" por cada día no que vaian camiñando, en bicicleta ou en patinete ao colexio, e os diferentes agasallos estarán valorados entre os 30 e os 150 Olliños. Os nenos e nenas que acaden 20 "Olliños" terán acceso a un regalo extra, sen que se resten eses puntos do total acumulado. Os Olliños poderanse trocar antes do 30 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar.

Diana Parente explicou que a día de hoxe xa están inscritos case 80 nenos e nenas para empezar a utilizar as súas pulseiras mañá mesmo. Trátase, en concreto, de 40 alumnos e alumnas do CEIP Pío XII, 30 do Ramón Cabanillas, e 10 nenos e nenas do colexio Raíña Fabiola. A responsable de Educación Viaria da Policía Local apuntou que "iniciamos esta nova fase co alumnado máis maior, a partir de terceiro de Primaria, pero coa vontade de amplialo despois aos nenos e nenas máis pequenos".

Compartir: