IGUALDADE

A praza de Cervantes acolle este sábado a segunda edición do Festival Rosalía

24/09/2018 Baixo o lema "unha cultura con superpoderes", a praza de Cervantes acolle, por segundo ano, o Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. A concelleira de Igualdade, Marta Lois, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, deron conta hoxe dos detalles do Festival, que se celebra este sábado de 11:00 a 21:00 horas.

Tal e como explicou Goretti Sanmartín, "haberá danza con Ánxela Blanco e Mónica de Nut, teatro e pasarrúas cos Quinquilláns, música para nenos e nenas con Uxía Senlle e actividades durante toda a xornada". Tamén se contará cun espazo de novidades coa presentación das últimas producións baseadas na autora e a súa obra e Vella Escola creará unha ilustración mural a grande escala realizada a spray. Pola tarde darán un obradoiro de rap en galego e farán unha reinterpretación urbana dos versos de Rosalía.

A edila de Igualdade, Marta Lois, fixo fincapé na "importancia da colaboración institucional para levar a cabo eventos deste tipo, que axudan a facer cidade e que buscan potenciar a figura de Rosalía nesa Compostela territorio das mulleres". O festival conta tamén con trece postos, cos que "se fomenta o comercio local e de proximidade, así como a autenticidade do mesmo".

Documentos relacionados



Compartir: