CONSORCIO

A Real Filharmonía inaugura a súa tempada coa ópera "O holandés errante", de Wagner, en versión concerto

21/09/2018 A Real Filharmonía de Galicia inaugura a súa tempada a próxima semana coa posta en escena, por primeira vez en Galicia, da ópera O holandés errante, de Richard Wagner, en versión concerto. A orquestra ofrecerá dúas actuacións, o xoves 27 na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 h; e o sábado 29 no Teatro Afundación de Vigo, tamén ás 20:30 h. Estes concertos son unha coprodución da Real Filharmonía de Galicia, Amigos da Ópera de Vigo e Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

As entradas para os concertos da nova tempada da RFG ata o mes de decembro, incluído, póñense á venda o vindeiro luns, 24 de setembro, a partir das 12:00 h. Poderán adquirirse a través da páxina web www.compostelacultura.gal, no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 h) ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o día de cada concerto dende as 18:00 h.

A historia de O holandés errante
O holandés errante é unha ópera romántica con música e libreto de Richard Wagner, inspirada nunha lenda tradicional e estreada na Semperoper de Dresde en 1843. Sobre o capitán dun barco holandés pesa a maldición de vagar incesantemente polos mares, tendo só unha tregua dun día cada sete anos; se nese día consegue o amor dunha muller, será redimido do seu castigo. A ópera comeza cunha gran tormenta e o noruegués Daland está co seu barco á deriva. Achégaselles un barco pantasma: o barco do holandés errante. Daland aborda o barco e ve as riquezas que posúe. Cando o holandés escoita falar de Senta, a filla de Daland, pídelle a súa man, que este lle concede por cobiza.

Na casa de Daland, Senta e outras mozas están a fiar. Senta está obsesionada pola lenda do holandés errante. Erik, o seu prometido, anuncia a chegada de dous barcos. Cando toman terra, a moza recoñece o holandés e proclama a súa disposición para salvalo da súa condena. Erik lémbralle a Senta que están prometidos, conversación que escoita o holandés, que non quere que a moza rompa a súa promesa e prepárase para partir novamente. Senta consegue escapar dos que a reteñen e tírase ao mar. Entón, os espíritos de Senta e do holandés, xa redimido por amor, ascenden xuntos ao ceo.

Na voz do barítono ruso Alexander Krasnov e do baixo galés Richard Wiegold
O papel do holandés será interpretado pola voz do barítono ruso Alexander Krasnov, no que será o seu debut en España. Na actualidade é primeiro solista no Teatro Académico Estatal de Ópera e Ballet de Ekaterimburgo. Xa cantou este rol en varias ocasións, en particular na Ópera Alemá de Berlín.

Pola súa banda, o rol de Daland interpretarao o recoñecido baixo Richard Wiegold, nacido no sur de Gales. Posúe unha dilatada traxectoria profesional tanto en ópera como en concerto, cantando nas mellores salas e escenarios de todo o mundo e coas orquestras máis prestixiosas.

Completan o elenco outras grandes voces nacionais como a soprano gaditana Maribel Ortega no papel da moza Senta; o tenor ucraíno Eduard Martynyk -solista do Teatro Bolshói de Moscova e do Teatro Estatal de Bielorrusia- como Erik, a mezzosoprano mallorquina María Luisa Corbacho como Mary, e o novo tenor granadino Moisés Marín no rol do temoneiro.

As voces estarán acompañadas ademais do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe o mestre Joan Company dende a súa creación no ano 1998. Está integrado por máis de 70 voces procedentes de toda Galicia. A súa intensa actividade artística céntrase nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella.

Charla previa con Amigos da Ópera de Santiago
Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co secretario de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, José María Miranda, e co profesor de Musicoloxía da Universidade de Santiago Carlos Villanueva. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: