TURISMO

Santiago de Compostela participa na feira turística máis importante de Xapón

20/09/2018 Turismo de Santiago participa con dous mostradores na Tourism Expo Japan 2018, a mostra de turismo máis importante de Xapón, que se celebra ente o 20 e o 24 de setembro en Tokio. O primeiro mostrador sitúase no stand de Turespaña, no pavillón de Europa. O segundo ubícase no pavillón xaponés, no stand da prefectura de Wakayama, grazas a colaboración conxunta entre a Santiago e Tanabe. Deste xeito, Santiago pode chegar tanto ás persoas interesadas en viaxar a España como ás que buscan a espiritualidade do Camiño de Kumano.

Malia a distancia existente, o mercado xaponés é moi interesante para a cidade cando menos por tres razóns: é un mercado cun gran volume de poboación, é un mercado cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e é un mercado cun gasto por persoa moi superior á media internacional. Segundo os datos de Turespaña, o turista xaponés ten un gasto medio de 409 euros ao día en España.

A importancia do mercado xaponés para Santiago crece ano tras ano, tal como amosa a evolución do número de peregrinos nipóns. No ano 2017 alcanzouse o máximo histórico, con 1.474, consolidando o importante crecemento que se producira no 2016.

Santiago reúne unha serie de atractivos, como a espiritualidade, a calidade dos peixes e mariscos da gastronomía galega ou o contacto coa natureza no Camiño de Santiago, que converten a cidade nun destino turístico con moito atractivo para o mercado xaponés. Así, segundo os datos de Turespaña, Santiago é o sétimo destino español máis citado nos folletos turísticos das axencias xaponesas.

Santiago ten ademais fortes vínculos co Camiño de Kumano e a cidade de Tanabe, coa que leva anos colaborando na promoción conxunta de ambos camiños de peregrinación que, a pesar da distancia e das diferencias culturais, teñen entre si importantes puntos de unión, como a busca dun mesmo en contacto coa natureza. Precisamente grazas a esta colaboración, Santiago conta cun espazo promocional permanente no Centro de Interpretación do Camiño de Kumano en Tanabe.

Compartir: