IGUALDADE

As escritoras Marta Pessarrodona e Kerstin Hensel conversarán mañá martes na Casa das Mulleres Xohana Torres

17/09/2018 A Casa das Mulleres Xohana Torres acolle mañá martes, a partir das 20:00 horas, unha conversa sobre literatura e feminismo da man das escritoras Marta Pessarrodona e Kerstin Hensel, que leva por título "Literatura e lugar".

Estarán acompañadas polo autor compostelán Suso de Toro no marco dos procesos que a Concellaría de Acción Cultural vén desenvolvendo arredor da palabra e do espazo na cidade, como o Mapa Literario de Compostela e o Xardín das Pedras que Falan.

As autoras conversarán en clave feminista nun lugar referente para as mulleres de Compostela como é a Casa Xohana Torres, aberta polo Concello o pasado ano como resposta ás reivindicacións históricas dos colectivos feministas da cidade e como lugar de referencia onde escoitar a voz das mulleres en Compostela.

Marta Pessarrodona y Artigues (Tarrasa, 1941) é poeta, narradora e crítica literaria catalá. Escribiu sobre Virginia Woolf e traduciu a Susang Sontang, Doris Lessing, Simone de Beauvoir e Margarite Duras. Foi galardoada co Premio Nacional de Literatura da Generalitat de Cataluña.

Kerstin Kensel (1961, Karl-Marx-Stadt) é poeta e narradora membro da Academia de Artes de Berlín e Vice-directora da súa Sección de Literatura. Premio de Literatura Ida Dehmel (2004) e Premio Walter Bauer (2014) entre outros.

O Xardín das Pedras que Falan
O Xardín das Pedras que Falan é un proxecto no que unha serie de penedos enchen o espazo con citas de escritores e escritoras históricos de Galicia, xunto con versos ou liñas inéditas de autores e autoras vivas de todo o mundo. Estas palabras xamais serán publicadas, de tal xeito que quedan ligadas a Compostela para sempre. O obxectivo é que o Xardín se converta nunha verdadeira homenaxe ao feito literario, unha referencia ao que contén o veciño edificio, a grande institución do coñecemento, e á tradición literaria de Compostela.

Compartir: