ALCALDÍA

Asinado o convenio de cesión da parcela para a futura residencia de maiores de Fontiñas

17/09/2018 O alcalde e o conselleiro de Política Social asinaron este luns o acordo polo que o Concello de Santiago lle cede ao departamento autonómico unha parcela para a construción dunha residencia para persoas maiores no barrio de Fontiñas. Martiño Noriega e José Manuel Rey Varela salientaron o clima de colaboración institucional que "permitiu axilizar esta sinatura despois de meses de traballos técnicos".

A parcela que o Concello lle cede á Consellería de Políticas Sociais está situada ao carón da futura ludoteca de Fontiñas. Conta cunha superficie de 3.018 metros cadrados, o que supón unha capacidade arquitectónica para a construción dunha residencia de maiores de ata 120 prazas. O alcalde salientou "a boa localización que terá a residencia, nun barrio como o de Fontiñas", e lembrou que este proxecto "atenderá unha vella demanda de Santiago, que segue tendo poucas prazas públicas para persoas maiores".

O concelleiro de Política Social explicou que o convenio se enmarca no plan "Como na casa", no que a Xunta prevé a construción de sete novas residencias para persoas maiores, unha en cada unha das grandes cidades galegas. Todos eses centros contarán con unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas, así como cunha zona social con espazos para favorecer a convivencia.

O acordo contempla a creación dunha comisión mixta para facilitar o seguimento da colaboración, con dous representantes do Concello e outros dous da Consellería de Política Social. O convenio terá unha vixencia de catro anos e poderá ser prorrogado por un prazo similar ou inferior.

Compartir: