ALCALDÍA

A veciñanza de Vista Alegre e O Romaño expón as súas demandas ao Goberno nun novo encontro "Ao vivo"

14/09/2018 O alcalde e todos concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno mantiveron hoxe o primeiro encontro "Ao vivo" do novo curso, desta vez no Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, coa veciñanza destes barrios. A cidadanía expresou as súas demandas, relacionadas fundamentalmente co mantemento, a conservación das zonas verdes e a dotación de parques infantís.

No encontro celebrado esta tarde, a veciñanza de Vista Alegre interesouse polas obras do barrio e, máis en concreto, polo soterramento do cableado. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que "a día de hoxe só queda pendente a retirada do cableado de Telefónica, que é da súa competencia e que temos o compromiso de que se soterre os próximos meses". O edil tamén lembrou que "o soterramento de cableado foi contemplado na cuarta fase das obras de Vista Alegre, posta en marcha neste mandato xunto coa que permitiu que os baixos do barrio gañaran en iluminación e accesibilidade".

Outra das peticións máis reiteradas foi a dun novo parque infantil na zona do Romaño, e a substitución do chan de terra do existente. A veciñanza tamén reclamou a instalación dunha área de elementos biosaudables. O concelleiro Xan Duro comprometeuse a estudar ambas demandas, e lembrou que "Santiago conta con máis de 80 áreas de xogo infantil, algunhas moi envellecidas, e a súa renovación require un importante esforzo orzamentario".

No encontro "Ao vivo" tamén se escoitaron demandas relacionadas coa conservación das zonas verdes, a recollida do lixo no núcleo de Pontepedriña de Arriba e a utilización do propio Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, que foi deseñado con aulas de pequeno tamaño que dificultan algunhas das actividades programadas.

Compartir: