XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local inicia a declaración de lesividade do prego da licitación da Escola Municipal de Música

14/09/2018 O Goberno local está a estudar todas as opcións para garantir a estabilidade da Escola Municipal de Música a longo prazo, "mantendo o compromiso da estabilidade do persoal e da pervivencia do actual modelo educativo". O alcalde, Martiño Noriega, explicou que a Xunta de Goberno vén de "suspender temporalmente o procedemento de licitación do servizo e de iniciar a declaración de lesividade do prego de condicións do concurso, ao entender que puido haber un erro de cálculo no estudo económico que motivou a escasa concorrencia ao procedemento e que mesmo podería poñer en risco o propio servizo".

O alcalde explicou que o acordo adoptado pola Xunta de Goberno "responde ás indicacións da Asesoría Xurídica do Concello, e é un procedemento rigoroso, previsto na Lei de Contratos". Unha vez iniciado o procedemento de lesividade, "teremos un prazo de seis meses para determinar se se produciu algún erro na redacción dos pregos do concurso, e para seguir traballando nunha solución definitiva para a Escola Municipal de Música". Martiño Noriega reiterou que se mantén o compromiso de darlle estabilidade ao persoal do centro "que seguirá funcionando con normalidade ao longo deste curso".

En canto á solución definitiva para a Escola Municipal de Música, o alcalde reiterou que "hai varias opcións abertas, porque estamos diante dunha situación complexa, con moitas variables que nin sequera dependen do Concello". Nesa liña, Martiño Noriega advertiu que a municipalización do servizo "ten moitas dificultades: que o servizo é unha competencia impropia, que é deficitario, e que a subrogación do persoal tampouco estaría garantida por mor do seu convenio laboral". O rexedor incidiu en que "o Goberno está traballando moito e en moitas frontes, en diálogo permanente co persoal do centro, para garantir que o servizo que presta a Escola Municipal de Música siga mantendo a calidade actual".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: