ACCIÓN CULTURAL

Cita coa terceira edición do Rock Is Dead Fest este sábado no parque de Belvís

13/09/2018 Este sábado, 15 de setembro, celebrarase a terceira edición da romaría rock Rock Is Dead Fest. No parque de Belvís, ás 12:30 horas, arrincarán máis de 12 horas de música en directo con bandas e artistas galegos; todo isto aderezado con actividades infantís, talleres deportivos e literarios, mercadiño e por polvo e churrasco. A entrada ao festival é de balde.

A oferta musical divídese en tres seccións ben diferenciadas, comezando pola sesión vermú, que terá unha orientación rockabilly. Nesta parte do festival Mad Martin e Lou Reyes volverán a compartir escenario despois de más de una década. Tamén estarán Horse Sealers, nova banda compostelá de rock e progresivo con influencias de jazz.

Na sesión de tarde, alumnado de escolas de rock –Estudio Bonobo (Pontevedra) e A Casa do Rock (Santiago)- poderá probar por primeira vez un escenario. E a continuación, unha Xan Session, concerto atípico onde máis dun centenar de músicos galegos interpretarán temas icónicos homenaxeando aos grandes músicos desaparecidos na historia do rock, ao máis puro estilo jam session. Esta modalidade de concerto única cumpre a súa decimo sétima edición, sendo o eixe central noutros festivais, como GaliciaWoodstock.

Os concertos da tarde noite serán de blues, soul, rock e stonner. Os primeiros en subir ao escenario serán Mojo Experience, no último concerto desta banda compostelá de blues e hard rock antes da presentación do seu novo disco. A continuación actuará Riff Raff, banda de versións de ACDC, e pechará o festival Martillo, unha banda viguesa de stonner.

Actividades paralelas
Pero o festival ten moito máis que música. Así, haberá un campionato de xadrez sub-14 de 12:30 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas. A inscrición realizarase no propio festival.

Os máis pequenos e pequenas poderán participar en contacontos da man da editorial galega Contos Extraños (13:30 e 17:00 horas). Pero tamén haberá una sesión para adultos ás 18:00 horas.

Outra das actividades será un taller fútbol americano na súa modalidade de flag, a cargo do equipo compostelán Black Ravens. Será de 12:30 a 16:00 horas.

Ademais, para completar a oferta musical, haberá unha zona para o público cun par de baterías electrónicas e unhas consolas co xogo Guitar Hero. Alí estará tamén o luthier Luko Vieites.

Direccións relacionadas



Compartir: