ALCALDÍA

O Goberno local celebra este venres un novo encontro "Ao vivo"

13/09/2018 O Goberno local participará este venres 14 de setembro nun novo encontro "Ao vivo", desta vez no Centro Cívico Vista Alegre-Romaño, dirixido á veciñanza destes barrios. Á xuntanza asistirán o alcalde, Martiño Noriega, e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno.

No pasado mes de xuño, cun encontro no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, retomáronse os "Ao vivo", actos deseñados para que o alcalde e os concelleiros e concelleiras rendan contas en contacto directo coa veciñanza. O último encontro mantido foi no mes de xullo coa veciñanza de Cancelas, Meixonfrío e Salgueiriños.

Ao longo dos próximos meses celebraranse nove xuntanzas polos distintos barrios da cidade. Para as parroquias, desta vez deseñouse un formato propio, o "Rural ao vivo".

Os encontros "Ao vivo" naceron co obxectivo de completar os procesos de participación cidadá impulsados dende o Concello. Nas xuntanzas participan o alcalde e todos os concelleiros e concelleiras do Goberno, que escoitan as demandas e opinións da veciñanza, dan conta do traballo que se vén desenvolvendo no ámbito xeográfico concreto, e explican os motivos polos que non se teña atendido algunha demanda. Os encontros están dirixidos por profesionais da mediación, que garanten que todos/as os/as asistentes teñan a oportunidade de falar, miden tempos e favorecen a diversidade das achegas.

Despois da reunión do próximo venres no Centro Cívico de Vista Alegre-Romaño, está prevista a celebración de xuntanzas no Ensanche, Fontiñas, Cidade Vella, Pontepedriña, Vite e Sar. O "Rural ao vivo" comezará a partir do outono.

Direcciones relacionadas



Compartir: