POLÍTICAS SOCIAIS

Gaia dos Nenos acolleu este xoves o terceiro Batido Sinérxico da Economía Social

13/09/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, acudiu esta mañá ao terceiro dos batidos sinérxicos, o "Batido Morado! Un esencial para coidarnos e cooperativizar os coidados", que se celebrou na sede da cooperativa Gaia dos Nenos, situada en Santiago de Guayaquil, 6.

Esta sesión foi conducida pola socia de Cousas da Terra, Marta Rodríguez Boo, que centrou o debate na economía feminista e no traballo que está a facer REAS Galicia para visualizala. A sesión de hoxe permitiu continuar o traballo que se veu desenvolvendo nas pasadas sesións dos batidos sinérxicos, que comezaron o pasado 14 de xuño na sede da cooperativa Miraxe.

No segundo dos encontros celebrado o 12 de xullo presentouse ás empresas participantes o xeoportal da economía social de Compostela, o Escaparate Virtual, que desenvolveu o Concello cos datos recollidos no catálogo de entidades de economía social en Santiago de Compostela creado no 2016. Este aplicativo web ten como obxectivo a visibilización das entidades de economía social que desenvolven a súa actividade dentro do concello de Santiago. Está previsto a incorporación dun espazo no que se difundan campañas de publicidade, descontos e ofertas das distintas entidades de economía social nos seus produtos e servizos.

Estas accións forman parte do programa Compostela Móvese con S de Social 2018 e conta cun orzamento de 80.000 euros para o ano 2018. Os encontros e as que serán as III Xornadas de Economía Social, xunto coa revisión do catálogo de empresas e entidades de economía social teñen un orzamento de 15.000 euros. O programa inclúe ademais un orzamento doutros 15.000 euros para o desenvolvemento das actividades de promoción do sector da economía social que se concreten con este colectivo ao longo dos Batidos Sinérxicos de Economía Social. Supón a continuidade dos traballos en materia de economía social iniciados no ano 2016.

Xornadas de economía social
Por terceiro ano consecutivo, e, como apoio e complemento aos Batidos Sinérxicos coa Economía Social, o CERSIA acollerá o 11 de outubro, tamén o segundo xoves de mes, unhas xornadas cuxo obxectivo principal será responder a dúas cuestións fundamentais: como axuda a economía social a transformar Compostela nunha cidade máis sustentable e solidaria, e de que xeito podemos colaborar con esta transformación de xeito individual e colectivo.

O programa, que aínda está en desenvolvemento, completa a proposta xeral que dende o propio Concello quere xerar espazos de diálogo que permitan afianzar o desenvolvemento dunha economía que pon as persoas e o seu traballo no centro do sistema e establece definitivamente os segundos xoves de mes como o día da economía social en Compostela.

Compartir: