ALCALDÍA

Sorteados os cruces da Supercopa Endesa 2018

12/09/2018 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu o sorteo de emparellamentos da Supercopa Endesa, que se disputará en Santiago os próximos 21 e 22 de setembro. Barça Lassa e Kirolbet Baskonia abrirán a competición ás 19:00 horas do venres, mentres que Monbus Obradoiro e Real Madrid xogarán a segunda semifinal a partir das 21:30 horas.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o director xeral territorial zona Noroeste de Endesa, Miguel Temboury, foron os encargados de extraer as bolas dos bombos dispostos para o sorteo, que foi conducido polo ex xogador Joe Arlauckas. Tamén participaron no acto o presidente da ACB, Antonio Martín, e o deputado responsable da área de deportes da Deputación da Coruña, José García Liñares; e o director xeral territorial zona Noroeste de Endesa, Miguel Temboury. Representando aos catro equipos participantes estiveron: Raúl López, presidente do Monbus Obradoiro; Alberto Herreros, director técnico do Real Madrid; Nacho Rodríguez, manager do Barça Lassa, e Félix Fernández, director deportivo do Kirolbet Baskonia.

Martiño Noriega abriu o acto salientando que esta Supercopa se converterá nunha "homenaxe a un deporte moi valorado na cidade como é o baloncesto", lembrando o ambiente e a traxectoria desta disciplina na cidade, con nomes que están no imaxinario de todos os composteláns e compostelás. O alcalde valorou o alto nivel do cartel de equipos participantes e convidou os seus integrantes a desfrutar dunha cidade "acolledora" como Santiago.

Pola súa parte, José García Liñares, apuntou que para a Deputación da Coruña é "unha honra poder colaborar neste evento". "Que hoxe esteamos aquí é froito da colaboración de moitas persoas e institucións", indicou, lembrando unha frase de Michael Jordan: "O talento gaña partidos, pero o xogo en equipo gaña campionatos".

Tamén interveu Miguel Temboury, quen reafirmou o apoio de Endesa ás competicións ACB e declarou o "orgullo" que supón que se dispute en Galicia a Supercopa, un evento que "marca o inicio da temporada, dos moitos partidos que virán a continuación".

"Para a ACB é un luxo poder estar aquí", apuntou para finalizar a rolda de intervencións Antonio Martín, quen prognosticou unha competición chea de "entretemento e espectáculo". Ademais, agradeceu ás institucións e ao Monbus Obradoiro o seu esforzo para a que a Supercopa Endesa se celebre en Santiago.

Cadro de emparellamentos
Do sorteo resultaron emparellados Monbus Obradoiro e Real Madrid, que se enfrontarán o venres 21 a las 21:30 horas. Antes, ás 19:00 horas, sairá o primeiro finalista do partido entre Barça Lassa e Kirolbet Baskonia. A final da Supercopa Endesa celebrarase o sábado 22 de setembro ás 19:15 horas, xusto despois do Concurso de Triples El Corte Inglés (18:15 horas).

Direcciones relacionadas



Compartir: