DEPORTE

Arrinca unha nova edición do circuíto CorreSan coa tradicional proba polas rúas do casco histórico

11/09/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este martes a primeira carreira da VII edición do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. Nesta ocasión, o lema do circuíto é "Non é unha meta, é un destino" e conta con catro probas, ás que se lle suma a San Silvestre do 31 de decembro. Xunto á concelleira de Deporte estivo na rolda de prensa o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, e o corredor gañador da edición do 2017, Amador Pena.

A proba do sábado terá unha lonxitude de 5,5 quilómetros para as persoas adultas e realizarase mediante dúas voltas ao circuíto, que irá polas rúas da zona vella de Santiago con saída e chegada na praza do Obradoiro, "un lugar espectacular para as persoas que participen, pero tamén para as que se acheguen a ver a proba", indicou Noa Morales. A edila animou á participación a todas as persoas interesadas na práctica deportiva, lembrando que a inscrición está aberta ata o 12 de setembro a través da web de Carreiras Galegas.

Ás 21:45 horas arrincará a proba para os escolares sub-10 e sub-12, cunha lonxitude de 1,25 km e unha volta ao circuíto escolar. Ás 22:00 horas será a quenda dos escolares sub-14 e sub-16, cunha lonxitude de 2,25 km e dúas voltas ao circuíto escolar. A proba para as persoas adultas será a partir das 22:30 horas. Iván Sanmartín sinalou que "a día de hoxe levamos máis persoas inscritas que o ano pasado, co que estimamos chegar a preto de 1.000 corredores e corredoras". Finalmente, Amador Pena destacou o "gran ambiente da carreira, unha das máis espectaculares do panorama galego".

Os horarios de entrega de dorsais e da camiseta e mochila oficiais do circuíto, para aqueles e aquelas anotados a todas as probas, poderán recollerse en Gonzacar Ford Santiago (avenida do Cruceiro da Coruña, 236) o venres de 10:00 a 20:00 e o sábado 15 de 10:00 a 13:30 horas. Tamén o sábado de 20:00 a 21:00 horas poderase recoller na praza do Obradoiro. Haberá servizo de duchas habilitado no pavillón Lorenzo de la Torre en horario de 21:00 a 00:00 horas.

A inscrición nesta proba, ao igual que nas outras tres do CorreSan ten un prezo de 6 euros para os adultos e adultas. A participación en todo o circuíto (as catro probas) ten un custo de 24 euros. As categorías escolares teñen inscrición gratuíta. As seguintes probas do CorreSan serán a da Ruta da Prata-Angrois (13 de outubro), a Ruta dos Parques (o 3 de novembro) e a nova Ruta do barrio de San Pedro (1 de decembro).

Direcciones relacionadas



Compartir: