ALCALDÍA

O alcalde visita a Escola Infantil Municipal de Conxo no comezo do novo curso

11/09/2018 O alcalde e o concelleiro de Educación e Cidadanía visitaron hoxe a Escola Infantil Municipal de Conxo, no comezo do novo curso escolar. Martiño Noriega e Manuel Dios comprobaron o resultado das actuacións de mellora levadas a cabo no centro durante este verán, nas que se investiron 25.000 euros.

O alcalde e o concelleiro comezaron a súa visita mostrando o novo cartaz da Escola Infantil Municipal de Conxo coa mascota do centro. Trátase dun deseño realizado hai xa 16 anos por Uqui Permui, pero que nunca se chegara a instalar na escola. Martiño Noriega e Manuel Dios tamén percorreron as instalacións, nas que neste verán se investiron algo máis de 25.000 euros. Entre as actuacións levadas a cabo figuraron vellas demandas, como o arranxo do faldón da cuberta do centro e a canalización das augas pluviais no exterior, ou a renovación dalgúns tabiques de madeira.

Rede de escolas infantís
Durante a visita, o alcalde lembrou que Santiago conta con tres escolas infantís municipais, as de Conxo, Fontiñas e Salgueiriños, que suman 242 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. A estes centros súmanse os catro consorciados pola Xunta (Tambre, San Roque, Tras Parlamento e Castiñeiriño), e a de Santa Susana, "que xestionará directamente a Xunta e que, aínda que acumula importantes atrasos, confiamos en que abra as súas portas ao longo deste curso". Martiño Noriega explicou que o Concello traballa no proxecto dunha nova escola infantil municipal en Santa Marta, que "cando estea operativa, contribuirá a que a cidade conte cunha oferta de prazas de infantil acorde ás necesidades da veciñanza".

Compartir: