ALCALDÍA

O Ensanche vístese de festa os días 21 e 22 de setembro

11/09/2018 Música, xogos populares, un torneo de xadrez ou o sorteo de cheques de compra nos comercios do barrio. Son algunhas das propostas das festas Vivindo o Ensanche, que se celebrarán os días 21 e 22 de setembro. O programa está organizado pola asociación veciñal Raigame e conta coa colaboración do Concello.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o programa Vivindo o Ensanche. Foi nunha rolda de prensa na que participaron o presidente de Raigame, Xosé Manuel Durán, e máis o presidente de honra da asociación veciñal, Xaquín Mato. O alcalde lembrou que as festas do Ensanche "chegan xa á súa cuarta edición, despois de ter sido impulsadas por vez primeira en 2015 para celebrar o 55 aniversario da construción das Casas de Ramírez". Martiño Noriega expresou a súa satisfacción porque "esta proposta estea plenamente consolidada, contribuíndo a facer barrio, implicando a boa parte da veciñanza e do tecido empresarial e reivindicando o orgullo de ser do Ensanche".

Na mesma liña, Xosé Manuel Durán recoñeceu que "o obxectivo último destas Festas é crear comunidade". O presidente de Raigame indicou que o colectivo veciñal está avanzando na organización doutras celebracións "vinculadas ao Samaín, o Nadal, o Entroido ou o San Xoán".

Festa na praza Roxa
A xornada central do programa Vivindo o Ensanche será o 22 de setembro, e o epicentro das celebracións será a praza Roxa. Alí volverá estar instalado o polbeiro, como en anos anteriores, e de alí sairán os pasarrúas, a cargo primeiro do grupo Os do Fondo do Peto, e despois de Os da Braña de Andrés. Ao mediodía está prevista a actuación da Orquestra Pantasma, despois dunha mañá de xogos tradicionais e xadrez. Pola tarde está prevista unha exhibición de golf.

O 22 de setembro tamén se celebrará na praza Roxa a Gran Final do Torneo de Xadrez das 8 Sedes. Trátase dunha competición que se celebrará a partir do próximo 17 de setembro, con partidas en sete establecementos de hostalería do Ensanche: Cantina Galopín, Tapería Castelao, Dado Dadá, La Gustosa, A Rosaleda, La Burguería e Café Piñón; así como no Centro Cívico do Ensanche. A inscrición estará aberta ata o 15 de setembro, a través do correo electrónico aavvraigame@gmail.com.

De rúa en rúa
Outra das propostas chamativas do programa de festas Vivindo o Ensanche, é o xogo "De rúa en rúa", no que se van sortear 10 cheques de 100 euros para compras nos establecementos colaboradores. Para participar non hai máis que cubrir un cuestionario sobre os persoeiros que lle dan nome ás rúas do Ensanche, que se poderá atopar nos establecementos colaboradores ou na páxina de Facebook + de 55 anos no Ensanche. As respostas ás diferentes preguntas estarán escondidas nos escaparates, e entre as persoas que cubran correctamente o cuestionario sortearanse os vales de compra.

O programa Vivindo o Ensanche complétase cun taller de prensa para escolares, que se celebrará na tarde do venres 21 e na mañá do sábado 22 no Centro Cívico do Ensanche, e coa mesa redonda "Rosalía no seu barrio natal", tamén no Centro Cívico do Ensanche, na tarde do 21 de setembro.

Documentos relacionados



Compartir: