POLÍTICAS SOCIAIS

Publicada a resolución provisional da convocatoria de axudas do "bonotaxi"

10/09/2018 A Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos vén de facer pública a resolución provisional da convocatoria de axudas individuais para o uso do "bonotaxi". Este servizo de taxi está pensado como como medio alternativo para as persoas con déficits de mobilidade ou que non poden ou presentan grandes dificultades para o uso do transporte colectivo. Ábrese un prazo de dez días para a presentación de alegacións.

O departamento que dirixe a concelleira Concha Fernández tramitou un total de 48 expedientes. A maioría das peticións, 20, corresponden a persoas con mobilidade reducida ou con algún tipo de discapacidade residentes no ámbito urbano. Outros 19 expedientes están relacionados con persoas maiores de 65 anos residentes na zona rural, e 7 corresponden a persoas con discapacidade residentes no ámbito rural.

En canto aos solicitantes das axudas, 27 son mulleres e 21 homes. Por lugar de residencia, 29 pertencen á zona rural, e 19 á zona urbana. Unicamente seis solicitudes foron denegadas. Entre todas as demais concedéronse axudas de 350, 250 ou 150 euros.

Novidades
A convocatoria de axudas do "bonotaxi" deste ano introduciu numerosas novidades con respecto á realizada en 2017, co primeiro obxectivo de ampliar o número de posibles persoas destinatarias. Así, este ano poden optar ás axudas as persoas que teñan recoñecido legalmente problemas de mobilidade, as persoas con discapacidades superiores ao 33% e as persoas maiores de 65 anos que residan no rural.

Tamén mudaron algúns requisitos de acceso. Así, desapareceu a obriga de ter un tempo mínimo de empadroamento en Santiago e incrementouse o límite de recursos para ter accesos ás axudas, que quedou fixado en 19.362,24 euros anuais. En canto ás contías a percibir, o máximo increméntase a 350 euros, 50 euros máis que na pasada convocatoria. Ademais, ampliouse o período de xustificación das axudas ata o 30 de novembro.

Documentos relacionados



Compartir: