XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal reinicia a licitación do tractor-rozador vinculado aos Orzamentos Participativos

07/09/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar un novo procedemento de adxudicación para o subministro dun tractor rozador, unha das actuacións elixidas pola cidadanía no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. O vehículo conta cun tipo de licitación de 120.000 euros, IVE incluído.

O alcalde lembrou que a compra do tractor rozador foi un dos proxectos seleccionados pola veciñanza do rural, no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide. Martiño Noriega lamentou que o proceso para o seu subministro quedara deserto, "o que alongou os prazos para contar cun vehículo que axudaría a manter a rede viaria do rural en mellor estado".

Subvencións e convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe acordouse a solicitude de dúas importantes subvencións. Unha das peticións vai dirixida á Deputación da Coruña, en virtude do convenio de colaboración asinado para o financiamento do programa piloto do Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes" durante os anos 2018 e 2019. A axuda solicitada é de case 84.000 euros.

A outra subvención, solicitada á Xunta de Galicia, ten como obxecto a prórroga da contratación de dous Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local. A axuda sería de algo máis de 28.500 euros, mentres que o Concello custearía 53.000 euros desas contratacións con fondos propios.

Por último, a Xunta de Goberno deu conta da sinatura dos convenios coa Fundación Eugenio Granell, que contempla unha achega municipal de 130.000 euros; e coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, en virtude do cal o Concello achega 8.000 euros para o programa Vacacións en Paz.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: