TURISMO

A Galería Sargadelos acolle a mostra "O Camiño Urbano, a natureza no km cero"

07/09/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a comisaria do proxecto, Gemma Sesar, inauguraron a exposición O Camiño Urbano, a natureza no km cero", que se pode ver na Galería Sargadelos ata o 15 de outubro. A exposición é resultado do traballo de catro ilustradoras que estiveron en Santiago do 30 de maio ao 3 de xuño debuxando os parques, xardíns e contornas naturais das entradas do Camiño de Santiago na cidade.

O Camiño Urbano é a continuación do proxecto do Camiño Portugués pola Costa que se desenvolveu o ano pasado, no que catro ilustradoras debuxaron as diferentes etapas deste Camiño, dando lugar a un libro e a unha exposición que se fixo no mes de outubro. O proxecto do Camiño Urbano conta coa financiación da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

As catro ilustradoras que participan no proxecto son:

Celia Burgos, Cadiz. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla. Vive en Cádiz onde imparte clases de arte e debuxo no ensino público, traballo que combina coa ilustración e o debuxo urbano. Formou parte de encontros e festivais en España, Portugal e Francia; ten impartido talleres en Sevilla, Cádiz, Barcelona e Lisboa; participado en publicacións e mostras; e realizado reportaxes gráficas, sendo cronista de eventos en distintas cidades. É correspondente de Urban Sketchers Spain, cofundadora do grupo Sketchers Bahía de Cádiz, e integrante de Garabattage Ilustra, en Sevilla.

Nanda Cabaleiro, Santiago de Compostela. Cadernista, membro activo e cofundador dos grupos galegos Boscquejeros (Santiago) SketchCrawlGalicia e USKoruña. Arquitecta pola ETSA A Coruña, é profesora de FP. Neste momento fai obradoiros de ioga e debuxo para os nenas e nenos nos que intenta transmitirlle á rapazada as súas dúas paixóns. Viaxa dende sempre acompañada por un caderno, pero é en 2012 cando entra en contacto coa comunidade de debuxantes urbanos, cando descobre o gozo de debuxar en grupo e saber que, esteas onde esteas, sempre haberá alguén con quen compartir pinceis.

Ana Luisa Frazão, Lisboa. Licenciada en Deseño e Produción Visual pola IADE Creative University, e profesora de Artes Visuais dende 1981. Formouse como cadernista no curso De Vuelta con el Cuaderno, da Escola de Artes de Zaragoza. Na actualidade imparte workshops, cursos e conferencias sobre o caderno e participa en mostras en Portugal, España, Marrocos, Italia ou Brasil. Foi coordinadora do grupo Oeste Sketchers, pertencente ao Urban Sketchers Portugal, e é autora do libro Uma semana na cozinha.

Maru Godas, Barcelona. Ilustradora freelance e cadernista, leva anos traballando no mundo da animación, tipografía, deseño web e fotografía. É unha das debuxantes catalás máis recoñecidas no ambiente dos sketcher e os seus obradoiros son moi valorados. Ten colaborado con Planeta de Agostini, RBA, National Geographic ou La Caixa, e publicado libros ilustrados, como o máis recente sobre o Parque Güell de Barcelona. A posibilidade de saír do estudio e debuxar ao aire libre abriulle as portas a un estilo máis pictórico e a concibir o debuxo como unha experiencia narrativa. Adoita traballar mesturando medios secos e húmidos, aínda que os seus favoritos son o gouache e a tinta chinesa.

Compartir: