POLÍTICAS SOCIAIS E DIVERSIDADE

A Alameda, escenario este domingo da cuarta edición do Festival Intercultural

07/09/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou esta mañá, acompañada do presidente da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, e de Nidia Aquino, do Colectivo Paraguay, a cuarta edición do Festival Intercultural, que se celebrará este domingo na Alameda.

Nesta edición 2018 estarán presentes seis países latinoamericanos como son Perú, Paraguai, Venezuela, República Dominicana, Ecuador e Colombia. O evento comezará ás 13:30 e rematará cara ás 19:00 horas e consistirá, por unha banda, nunha degustación de comidas típicas e, por outra, nun festival folclórico con presentación de varios números artísticos.

No que ten que ver coa parte gastronómica prepararanse pratos típicos dos países participantes, como sopa paraguaia, chipa guasu, ceviche ao estilo peruano, sancocho de carnes variadas con arroz branco, ensalada rusa ou fritada ecuatoriana, entre outros.

En canto á parte artística, haberá unha actuación da cantante arxentina Rocío, acompañada dun guitarrista cun amplo repertorio de tangos, boleros e outros estilos. Tamén haberá bailes típicos de Paraguai (danza da botella, chamamé e paxaro campá), bailes rexionais de Perú, de Bolivia, de Colombia e da República Dominicana. Asistirá tamén o grupo de percusión Trópico de Grelos.

Ademais, o sábado 8 de setembro, dende as 17:30 ás 20:30 h haberá un obradoiro de cociña que presentarán Colombia e Paraguai e que terá lugar no Centro Sociocultural de Vite. Nesta ocasión aprenderase a elaborar algúns dos menús típicos destes dous países, como son os patacóns, a carne desmechada, a tortiña paraguaia ou o cocido.

Compostela Convive
Durante este ano 2018, o Concello de Santiago e a Plataforma polo Emprego levan a cabo o programa Compostela Convive, que ten como finalidade desenvolver accións destinadas á inserción sociolaboral e á promoción da interculturalidade en xeral de todas aquelas persoas que estean desempregadas ou que precisen mellorar a súa situación sociolaboral, prestando unha atención máis específica a aquelas persoas que se atopan en situación ou risco de exclusión social ou con especial dificultade á hora de inserirse social e laboralmente. Neste caso está orientado á poboación migrante en particular e á cidadanía en xeral.

No proxecto distínguense tres áreas de traballo, como son as titorías personalizadas para o apoio na busca de emprego, a formación grupal para a adquisición de coñecementos por medio das novas tecnoloxías e inmersión lingüística, así como a interculturalidade e a convivencia. É dentro deste terceiro eixo onde se enmarcan as actividades que se desenvolverán esta fin de semana.

Compartir: