ALCALDÍA

Recepción aos participantes no Congreso Internacional ASELE, que reúne na cidade a preto de 300 persoas

06/09/2018 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta tarde a recepción aos participantes no XXIX Congreso Internacional de ensinanza de español como lingua estranxeira, que acolle a Facultade de Filoloxía da USC dende o 5 ao 7 de setembro.

O Congreso está organizado pola entidade Cursos Internacionais da USC, pola Facultade de Filoloxía e por ASELE, a asociación para a ensinanza do español como lingua estranxeira. Trátase dun evento que reúne na nosa cidade a preto de 300 persoas procedentes de catro continentes e que coloca a nosa cidade como "unha referencia no turismo idiomático e de congresos" en palabras da concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois.

Na recepción estiveron presentes o presidente de ASELE, Javier Muñoz-Basols, e a directora de Cursos Internacionais da USC, Pilar Taboada de Zúñiga. Ao remate do acto produciuse un intercambio de agasallos.

ASELE leva celebrando este congreso de forma ininterrompida dende 1989, mentres que a cidade de Santiago é a segunda vez que acolle este evento, tras telo feito en 1998.

Compartir: