ALCALDÍA

O Ministerio de Transición Ecolóxica desbota definitivamente a localización do Souto para a futura EDAR

05/09/2018 O Ministerio de Transición Ecolóxica desbota definitivamente o proxecto da EDAR do Souto, e asume o compromiso de viabilizar a localización alternativa da Silvouta. Así o confirmou o director xeral da Auga, Manuel Menéndez, na reunión que mantivo esta mañá co alcalde, Martiño Noriega, e co concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O alcalde explicou ao remate da xuntanza celebrada hoxe en Madrid que "o Ministerio non vai impoñer unha localización que foi desbotada por acordo do Pleno da Corporación, e a partir de agora todas as enerxías concentraranse en viabilizar a opción da Silvouta". Nesa liña, nas próximas semanas, "o Concello e a Dirección Xeral de Augas traballarán no intercambio de información para elaborar un documento ambiental inicial, o primeiro paso para que a nova EDAR de Santiago se constrúa na mesma localización que a actual depuradora da Silvouta". O alcalde explicou que "resolta a cuestión do disenso político no relativo á localización da EDAR, entramos na fase dos traballos técnicos para viabilizar unha infraestrutura pola que Compostela leva agardando máis de 20 anos".

Na reunión de hoxe, o director xeral da Auga tamén se mostrou disposto a tramitar o estudo de impacto ambiental simplificado, tal e como viña defendendo o Goberno local. A maiores, confirmouse que o prazo para a xustificación dos fondos europeos remata a finais de 2023, "dous factores positivos dende o punto de vista económico". O alcalde reiterou que, en todo caso, "a comparativa de prezos analizada na reunión de hoxe volve demostrar que a da Silvouta é unha mellor opción dende o punto de vista económico, pero, sobre todo, éo desde o punto de vista do impacto ambiental".

Compartir: